O BNG comunica ao PSdeG que non apoiará a un imputado para presidir a Deputación de Lugo
O BNG transmitiu ao PSdeG-PSOE que non vai dar o seu apoio para asumir a presidencia da Deputación de Lugo a ningún cargo imputado, unha vez que a dirección socialista comunicou a formación nacionalista que o seu candidato para encabezar o organismo provincial era o rexedor de Becerreá, Manuel Martínez, imputado por un presunto delito de tráfico de influencias.
A posición do Bloque a respecto de cargos públicos imputados é ben coñecida e, nese sentido, amosa o seu desconcerto pola proposta do PSOE.
Non é admisible que cando estamos a defender un novo modelo de funcionamento das deputacións, máis transparente e democrático, o candidato que se presente por parte do Partido Socialista sexa unha persoa imputada. Máis aló das responsabilidades legais que se deriven da situación do alcalde de Becerreá,- que desde o BNG non xulgamos-, é evidente que os tempos políticos son outros e a cidadanía espera a máxima exemplaridade dos cargos públicos, explica a secretaria de Política Municipal, Goretti Sanmartín.
Neste sentido, o Bloque xa comunicou ao PSOE que non contará cos votos dos seus dous deputados provinciais no pleno da deputación previsto para a vindeira semana, de manterse un imputado como candidato.