O BNG comprometese a rexistrar e apoiar a Moción en defensa do galego nos concellos
A deputada do BNG, Ana Pontón manifestou que resulta urxente modificar a política lingüística do Partido popular, comezando pola derrogación do decreto do plurilinguismo que cualificou de esperpento xurídico e ofensa á dignidade do pobo galego
A parlamentaria nacionalista, Ana Pontón participou hoxe na xuntanza convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística co fin de acadar o apoio e unidade da maioría das forzas políticas en defensa da lingua galega, tras as recomendacións do Comité de Expertos e Comité de Ministros do Consello de Europa ao goberno galego a elaborar un novo decreto para o uso do galego, cun amplo respaldo social e político, así como a derrogación daqueles artigos do decreto 79/2010 que limitan o seu uso.
Pontón anunciou que o BNG rexistrará e apoiará a moción en defensa do idioma galego en todos aqueles concellos nos que teña representación e criticou que a presenza do Partido popular na xuntanza celebrada hoxe en sede parlamentar, representara un acto de cinismo político e unha burla a todos os asistentes.
O BNG pide ao goberno que mude a súa política lingüística contra o galego
Na súa intervención, a deputada recalcou que o galego é a maior creación colectiva do noso pobo e que nos fai estar no mundo con voz propia polo que resulta urxente que o Partido popular mude a súa política lingüística contraria a normalización do noso idioma. O decreto do plurilinguismo, abondou a parlamentaria, é un esperpento xurídico e unha ofensa a nosa dignidade como pobo polo que demandou do Goberno galego a súa derrogación.
O acto convocado pola Mesa pola Normalización Lingüística pretende impulsar un debate sobre a necesidade de derrogar o decreto e acadar o compromiso de todas as forzas políticas en todos os concellos a prol da súa modificación e en defensa da normalización do idioma galego en todos os ámbitos.