O BNG asina no Congreso unha proposición conxunta para que se derogue a LOMCE

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, asinou unha proposición non de lei conxunta con todos os grupos da oposición, agás UPyD e UPN.

A deputada do BNG, Rosana Pérez, acudiu ao rexistro da Cámara xunto cos representantes das demáis formacións políticas que subscriben este acordo, para rexistrar a proposición non de lei que insta ao Goberno a derogar a LOMCE, e a iniciar un proceso de diálogo coas CC.AA e a comunidade educativa, axentes sociais e organizacións políticas para abordar medidas que melloren o sistema educativo público.

Na comparecencia ante os medios de comunicación no escritorio do Congreso, Rosana Pérez afirmou que “este acordo supón un paso máis na serie de pasos que o BNG deu desde o inicio da tramitación da denominada Lei Wert. Sempre mantivemos unha liña de combate contra esta lei que é unha imposición ideolóxica de todo un Goberno que ataca os dereitos dunha educación pública e de calidade”.

A parlamentar do BNG coincidiu na necesidade de derogar a lei, e lembrou as iniciativas realizadas polo BNG tanto no Parlamento galego como no Parlamento do Estado neste sentido.

Asemade, demandou á Xunta que interpoña un recurso de inconstitucionalidade contra a LOMCE, que “despreza e quer ocultar as distintas realidades lingüísticas e nacionais que existen no estado”.

Achegamos o texto da proposición non de lei