O BNG apoia a manifestación dos traballadores de Alcoa en Santiago
O BNG apoiou esta mañá a manifestación dos traballadores de Alcoa-San Cibrao e Alcoa-A Coruña que tras unha marcha de varios días dende os seus centros de traballo para esixir cambios na tarifa eléctrica que eviten o peche das factorías chegaron hoxe a Santiago de Compostela, onde se manifestaron diante da sé central da Xunta de Galiza en San Caetano.
En apoio das reivindicacións dos traballadores asistiron por parte do BNG o portavoz nacional, Guillerme Vázquez; a secretaria de Organización, Montse Prado, e os deputados do BNG no Parlamento Galego, Manuel Parga, Fernando Branco Parga e Henrique Viéitez.
Guillerme Vázquez asegurou queo BNG está aquí solidarizándose cos traballadores de Alcoa en Galiza, que están vendo en risco real os seus postos de traballo e demandoulle tanto ao goberno Central como ao da Xunta que atendan a demanda dunha tarifa eléctrica especial que garanta a viabilidade tanto da factoría de San Cibrao como a da Coruña, unha reivindicación que o BNG xa o demandou no Congreso dos Deputados e no Parlamento Galego.
Neste sentido, o portavoz nacional do BNG denunciou que o que non pode ser é que a única política do goberno do PP sexa inxectar miles de millóns á banca, pero para a industria, para manter os postos de traballo din que non hai cartos. E iso non é admisíbel, afirmou.
http://www.youtube.com/watch?v=shQb_727cfc