O BNG apoia a Iniciativa Lexislativa Popular para dotar de servizos o HULA

Os deputados, Montse Prado e Cosme Pombo manteñen un encontro con representantes da Asociación “Abre la Muralla” e Federación veciñal lucense no Parlamento galego ao fin de xuntar esforzos para dotar o Hospital Universitario de Lugo (HULA) dos servizos de hemodinámica, Medicina nuclear e radioterapia.

O deputado do BNG, Cosme Pombo afirmou ante os medios de comunicación que, “tod@s os habitantes de Lugo teñen os mesmos dereitos que o resto de galegos e galegas” a hora de acceder aos servizos sanitarios e amosou o apoio do BNG ás reivindicacións recollidas na Iniciativa Lexislativa Popular presentada hoxe no Parlamento galego para que o HULA conte cunha unidade de hemodinámica ás 24 horas.

O nacionalista lembrou que a provincia de Lugo rexistra unha poboación dispersa e envellecida que fai necesario un servizo sanitario permanente e non un servizo para infartados de 8 horas diarias como acontece na actualidade, de aí, dixo, “o noso apoio á Iniciativa Lexislativa Popular”.

Pombo salientou que a ILP, con máis de 43.000 sinaturas ,reclama a dotación dunha unidade de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear no Hospital de Lugo e denunciou o incumprimento da promesa de Feijóo, hai dous anos, ao anunciar que o Hula contaría con estes servizos. O Hospital de Lugo afirmou o deputado do BNG, é o “único” en toda Galiza que carece destes servizos e nós temos dereito as mesmas prestacións sanitarias que o resto das provincias.

Asemade criticou que o PP sega defendendo a Área compartida e non dedique partidas orzamentarias para mellorar as condicións laborais do colectivo de profesionais da sanidade, dos doentes e das prestacións sanitarias en xeral.