BNG apoia a concentración en demanda de asilo para Hassanna Aalia
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) apoia a concentración convocada pola asociación SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui) para este sábado en Compostela (ás 12 da mañá na Praza das Pratarías) para reclamar do Goberno español a concesión de asilo ao mozo saharaui Hassanna Aalia. Activista en defensa dos dereitos humanos nos territorios ocupados e dun Sahara libre, Hassanna Aalia foi condenado por un Tribunal Militar marroquino a cadea perpetua por participar no campamento de Gdeim Izik, nunha protesta pacífica da poboación do Sahara ocupado.
A denegación de asilo por parte do Goberno español é escandalosa e unha incomprensíbel vulneración dos criterios humanitarios do dereito internacional. Responde a un desmesurado afán de agradar a Marrocos, un estado que vulnera a diario os dereitos humanos da súa propia poboación e moi especialmente da poboación saharaui após ocupar ilegalmente ese territorio en 1975. Esta actitude resulta máis inaceptábel aínda pola responsabilidade que o Estado español ten nesta ocupación ilegal como antiga (e aínda hoxe legalmente diante da ONU) potencia administradora do territorio. É evidente que Hassanna Aalia é perseguido polas súas ideas políticas e pola súa pacífica actividade en defensa do seu pobo. Por tanto, non concederlle o asilo que solicita supón que tamén o goberno español o condena a cadea perpetua nunha prisión marroquina.
Aliás, temos que considerar que esta decisión do goberno do Partido Popular confirma e afonda nun comportamento, cada vez máis evidente, de desprezo polos dereitos cívicos e democráticos e mesmo dos dereitos humanos. Enmárcase nun proceso de progresiva fascistización do sistema político español, que está vulnerando os máis elementais principios democráticos como o dereito á liberdade de expresión e manifestación, xeneralizando as políticas represivas contra calquera protesta social e que ten como chanzos clave medidas lexislativas como a Lei de Seguranza Cidadá (Lei mordaza) e a recente modificación do Código Penal, ambas criticadas dentro e fóra do Estado español como impropias dun estado verdadeiramente democrático.
Temos que lembrar que o BNG presentou no Congreso dos Deputados -por iniciativa da deputada Rosana Pérez- unha Proposición non de Lei instando o goberno a conceder asilo a Hassana Aalia. Do mesmo modo, presentou no Parlamento da Galiza outra Proposición non de Lei -iniciativa de Montse Prado- para que o Goberno galego se dirixir ao español demandado a concesión do asilo.
Chamamos, por tanto, a sociedade galega a se manifestar este sábado en Compostela en defensa do asilo para Hassanna Aalia, conscientes que é tamén en defensa do conxunto do pobo saharaui e mesmo dos máis elementais dos dereitos democráticos, tamén no noso País.