O BNG advirte que un posto de traballo non exime de "pobreza laboral"
A deputada do BNG, Montse Prado lembrou que na actualidade moitos galegos e galegas cun posto de traballo viven en pobreza laboral e por debaixo dun mínimo limiar para levar unha vida independente
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Montse Prado interpelou hoxe á ao conselleiro de Traballo, Francisco Conde sobre a precariedade no mercado laboral da que dixo, en Galiza viven persoas en pobreza laboral a pesar de ter un traballo porque ese traballo, está por debaixo dO limiar mínimo para acceder a unha vida independente.
Para a deputada, tras a aprobación das reformas laborais a precarización do mercado de traballo tira datos máis que preocupantes, cada vez máis contratos temporais, os contratos indefinidos non chegan ao 8% o que da unha idea da baixísima duración dos contratos. Contratos por horas, días ou poucos meses que o PP aproveita para afirmar que baixa o desemprego.
Por outra parte, a parlamentaria engadiu que cen mil galegos traballan a tempo parcial polo que preguntou ao conselleiro que vai facer o Goberno galego para rescatar os e as galeg@s, que a pesar de ter un posto de traballo viven na pobreza laboral, situación, que a xuízo da deputada, está a cronificarse.
O conselleiro de Traballo, Francisco Conde afirmou que todos os indicadores de emprego están a mellorar así como noutros sectores como as vendas no comercio. Conde reprochou á deputada a negativa do BNG a novos proxectos de minería ou as criticas á prorroga de ENCE que vai facer posible manter os postos de traballo.
Na réplica, a nacionalista recriminou ao conselleiro remontarse a sete anos atrás para afirmar que a situación laboral mellorou. Prado manifestou que o PP está para cumprir as leis pero cando non lle gustan modifícanas como fixeron coa lei do solo e a prorroga de ENCE para beneficiar a empresas privadas.
A parlamentaria pediu ao conselleiro que se poña ao servizo dos traballadores e non das empresas privadas e comece por reunirse cos traballadores da empresa concesionaria de transporte de residuos de SOGAMA sobre os que pende o anuncio de despido de 69 traballadores.