O BNG acusa ao PP de "retraso premeditado" na ampliación do Hospital do Salnés
A parlamentaria, Montse Prado cualificou de escándalo o cambio de datas, cifras e previsións as obras e acusou de mentir a conselleira de Sanidade por anuncialas para 2014, posteriormente para o 2015 e agora Feijóo no 2016
A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta na comisión de Sanidade relativa á execución das obras de ampliación do Hospital do Salnés ante os diversos cambios de datas, cifras e previsións anunciadas pola Xunta. Tras a resposta da directora xeral de Recursos Económicos, Lourdes Vila Chán afirmando que as obras se farán nos prazos establecidos cunha execución de dous anos, a deputada denunciou un retraso premeditado por parte do PP co fin de continuar co desmantelamento da Sanidade pública e concretamente do Hospital do Salnés.
Na súa intervención, Prado lembrou que as alarmas no Salnés están encendidas ante a inconcreción das obras de ampliación do Hospital e a comarca non merece o que vostedes están a facer cos seus veciños e veciñas de Vilagarcía, Cambados, Ribadumia, Illa de Arousa, Vilanova e Catoira.
Hai seis anos, dixo, o PP prometeu executar as obras e a finais do 2014 non están sequera adxudicadas. O peor, recalcou, é que cada vez inventan unha escusa diferente para incumprir o seu compromiso.Para a deputada, respecto para os veciños, é definir unha data concreta e non facer cada ano un movemento diferente.
Baile de cifras, datos e previsións nas obras
Prado explicou que o día 1 de Agosto do ano 2012 o consello da Xunta acordou entre outras disposicións, que o SERGAS contrataría a redacción de proxecto, obra e mantemento de quince centros de saúde e a ampliación do Hospital do Salnés cun investimento de 11 millóns de euros.Por outra parte, en agosto do 2013, a direccións xeral de Recursos Económicos anunciaba a contratación e en xullo do 2014, esta mesma dirección tamén anunciaba a licitación para a devandita contratación das obras, cada ano un movemento diferente e non precisamente de terras nin pás as obras, Dr.directora, seguen sen estar adxudicada, dixo.
A parlamentaria tamén aludiu as recentes declaracións de Rocio Mosquera nas que afirmou que este ano iniciaríanse as obras que nin sequera están adxudicadas polo que preguntou a quen temos que crer a non ser que teñan unha variña máxica porque tampouco existe partida orzamentaria para as obras previstas no ano 2015.
Pola súa parte, a directora xeral , Lourdes Vilar Chan, confirmou que as as obras están en fase de licitación e a finais deste mes serán adxudicadas para inicialas en decembro, unha vez formalizado o contrato. A fase 0 explicou, inclúe unha nova vía de acceso e redes de gas, auga e iluminación e na seguinte fase 1 e 2A serán executadas para novas urxencias e cirurxía que serán completadas cos bloques de apoio e hospital de día cun orzamento total de 9 millóns de euros financiando no 2015 parte deste importe con fondos FEDER e o importe da obra a executar no 2016 con fondos autonómicos.
Tras a resposta de Vilar Chan, a nacionalista reiterou que o PP segue cun retraso premeditado das obras para seguir no camiño de desmantelar a Sanidade pública e cualificou de escándalo a dilación das obras para ampliar o Hospital do Salnés.