O BNG actualiza a carta financeira onde establece as achegas dos cargos institucionais
O BNG aprobou a actualización da súa carta financeira onde se recollen as achegas dos cargos institucionais ao financiamento da organización nacionalista que, xunto coas cotas e achegas da militancia e simpatizantes, constitúen a principal fonte de ingresos do Bloque.
O documento, remitido a toda a militancia e dispoñíbel na páxina web do BNG para consulta de calquera persoa interesada nun exercicio de máxima transparencia, sinala que a organización e a súa actividade política e social constrúense coa achega, o traballo e o esforzo colectivo de milleiros de militantes e simpatizantes.
Neste sentido, os recursos económicos do BNG residéncianse fundamentalmente no compromiso militante e, a el vinculado, nas achegas procedentes da representación institucional, co obxectivo de acadar a plena independencia a respecto de calquera poder alleo.
A carta financeira vincula a todas as persoas que ocupan postos de designación política ou de elección representando ao Bloque, que perciban ingresos como consecuencia desa designación ou representación política.
O documento recolle a cantidade das achegas, que no caso dun deputad@ autónomic@ ascende a 1.225 euros mensuais, 1.275 euros aportan as vice-portavoces e 1.325 o portavoz parlamentar. A achega queda fixada en 1.200 euros ao mes para @s deputad@s no Congreso. No caso dos deputados provinciais ou dos representantes en entes como os consellos de administración da CRTVG e RTVE as aportacións serán do 100% deducidos os gastos por desprazamentos.
En termos xenéricos, a carta financeira inclúe unha táboa coas porcentaxes a achegar ás finanzas da organización en función da remuneración que perciba a persoa que ostenta un cargo de representación polo BNG.
A Executiva Nacional será a que resolva calquera tema non previsto pola carta financeira e os informes económicos estarán a disposición da militancia. Do mesmo xeito, anualmente publicarase un balance de ingresos e gastos na web do BNG, distribuíndose tamén entre a militancia.
Enlace do documento na web BNG: http://bng.gal/carta-financeira/