O BNG accede a outra reunión con Anova para conformar unha candidatura galega ás europeas
O BNG transmitiu a Anova a súa disposición a manter unha nova reunión, tal e como solicitou esta formación, de cara á posibilidade de dar luz verde a unha candidatura unitaria das forzas nacionalistas de esquerda ás eleccións europeas de 2014, superando xa a discusión sobre a participación de forzas estatais.
O Bloque entende que ese encontro ten como obxectivo dialogar sobre a conformación dunha coalición de forzas nacionalistas de esquerdas, a nivel galego e das demais nacións sen estado, abeirando xa a discusión sobre a participación de forzas estatais.
Con ese obxectivo, noutro caso sería unha reunión estéril-, o BNG concorda en manter esa reunión para explorar as posibilidades de avanzar nunha candidatura unitaria de forzas nacionalistas de esquerdas do noso país e que, á súa vez, conflúa nunha macrocoalición con outras forzas nacionalistas de esquerda de Euskadi e Catalunya e, eventualmente, doutros territorios.
Esa candidatura, sempre como unha alternativa pola soberanía nacional e de combate do modelo económico e social neoliberal da UE. Unha proposta xa exposta a Anova e tamén reiterada polo portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, en diferentes comparecencias públicas, no convencemento de que a unidade de acción do nacionalismo é un obxectivo estratéxico.
O BNG deixa claro que non comparte o interese expresado por Anova en tentar unha coalición con forzas estatais, incluída a posibilidade de ir nunha coalición con IU, por considerar que o proxecto político nacionalista para Galiza non pode desfigurarse a través da supeditación a ningunha forza de carácter estatal.
Criterio que tamén comparten outras forzas nacionalistas de Euskadi e Catalunya, que en absoluto contemplan a posibilidade dunha candidatura con forzas estatais.