A Axencia Tributaria comprometese co BNG a colaborar co colectivo de pensionistas retornad@s
Tereixa Paz lembrou que hai un ano foi aprobado un acordo de mínimos no Parlamento galego nesta materia e os emigrantes retornados amosaron a súa disposición a pagar o que lles correspondese ata ese momento do IRPF nas mesmas condicións que o resto dos pensionistas
A deputada do BNG, Tereixa Paz formulou hoxe unha pregunta na comisión de Administración xeral sobre as previsións do Goberno para a devolución das cantidades ingresadas na Axencia Tributaria en concepto de tributos das pensións das persoas emigrantes retornadas.
A parlamentaria considerou que esta devolución debe facerse de oficio e lembrou que hai un ano foi aprobado por unanimidade un acordo de mínimos no Parlamento nesta materia. Naquel momento, engadiu, os emigrantes retornados amosaron a súa disposición a pagar o que lles correspondese do IRPF ata ese momento, nas mesmas condicións que o resto dos pensionistas do Estado español.
Pola súa parte o director da Axencia tributaria, Ulpiano Villanueva confirmou que o 31% no ano 2008 verificaron a súa abriga tributaria ao que a deputada respondeu sorprendida xa que o propio ministro Montoro afirmou hai varios meses que resultaba imposible cuantificar o número de persoas retornadas obrigadas a tributar polas pensións.
Ademais, a parlamentaria amosou o seu estupor ante a afirmación do responsábel da Axencia Tributaria sobre a obriga de tributar nas mesmas condicións" porque ao seu xuízo estase a vulnerar esta circunstancia con amnistías fiscais e falta de comprobación de cartos evadidos.
A respecto das lagoas e interpretacións confusas esgrimidas pola Axencia Tributaria para resolver o problema, a deputada considerou que nalgúns casos son chapuzas non atribuíbeis as técnicos ou asesores da Axencia Tributaria, máis ben, dixo, débese a desinterese.
Na medida das posibilidades da Axencia Tributaría Galega, preguntou, sería posíbel para facer unha análise dos convenios internacionais, das sentencias do TSXG, das sucesivas resolucións do Tribunal Económico Administrativo e mesmo da normativa e trasladarlla á Axencia tributaria do Estado para resolver os expedientes das persoas que xa pagaron os impostos no estranxeiro?.
O director da Axencia Tributaria, Elpidio Villanueva recolleu a recomendación da nacionalista e afirmou que por parte da Xunta existe a disposición de prestar toda a axuda e colaboración necesaria para o colectivo de pensionistas retornados polo que trasladaremos á Axencia Tributaria do Estado as consideracións precisas a ter en conta nas regularizacións que fagan @s emigrantes retornad@s e vixiar como se vai desenvolvendo nos vindeiros seis meses.