Ana Pontón leva ao Parlamento un novo caso de discriminación do galego
A deputada pediu non financiar con fondos públicos centros privados que discriminen o uso do galego
A parlamentaria do BNG, Ana Pontón preguntou ao Goberno que medidas vai tomar ante a denuncia de grave discriminación lingüística no centro infantil Jungle-World que remitiu unha circular ás traballadoras impedindo o uso do galego nas clases.
O secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García respondeu que tras coñecer o feito, púxose en contacto co centro e a traballadora que denunciou coa intención de intervir de maneira administrativa ante un caso de discriminación, actuamos e actuamos rápido porque hai conflitos que se dan na lingua que deben ser reconducidos e solventalos da mellor maneira posible. Valentín García comprometeuse a facer un seguimento do acontecido no espazo infantil Jungle-World e salientou a valentía da traballadora en denunciar este feito que cualificou de grave.
Para a deputada, a resposta do titular de Política Lingüística é insuficiente e minimiza a discriminación da lingua galega presentando o sucedido como algo puntual cando en realidade, dixo, no ámbito laboral existen moitos problemas co uso do idioma e no social, a situación do galego e o castelán non están en igualdade. Este é un feito, engadiu, extremo que retrata situacións inconcibibles nun país no que a lingua estivera normalizada.
Sorpréndeme tamén, que a vostede parézalle satisfactoria a decisión do centro de non retirar a circular e un paso adiante que o día das Letras galegas o centro permita utilizar a lingua galega. Realmente, recalcou Pontón, é un esperpento o que acaba de dicir o secretario Xeral de Política Lingüística.
Por outra parte, criticou que á secretaria xeral destaque como grande avance que o centro en datas puntuais permita o uso do galego, porque iso, xa o puña, explicou a anterior circular ao referirse que o centro non estaba en contra del uso de cualquier lengua ou dialecto, gallego, euskera o catalán en el ámbito personal ni pensemos que su aprendizaje no es enriquecedor simplemente que no es el propósito de este centro...dentro de nuestras posibilidades se ha tratado de posibilitar y promover el conocimiento de su existencia, precisamente a través de su uso excepcional y puntual como se ha venido efectuando sin incidencia alguna. Lo que es pertinente señalar. E dicir, obxectou a deputada, que a normalidade que eles defenden e que vostede ampara é que o galego estea excluído destinando unha aula para os que queiran aprender galego. Todo isto é unha manifestación da dobre moral que o goberno galego mantén co noso idioma. A nós parécenos que vostedes o único que fixeron foi reunirse e a partir de aí non hai ningunha actuación real por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A deputada reprobou que a secretaria acepte que todo siga igual e apelou á legalidade e ao Estatuto de Autonomía que impiden a discriminación das linguas e o apartheid que se está a producir neste centro. Pedimos que se cumpra a lei cunha oferta en positivo da lingua e que non se permita a súa marxinación neste e outros centros.
A parlamentaria concluíu tachando á Secretaría de Política Lingüística de estatúa de sal por non facer nada efectivo ante estes graves problemas