Ana Pontón: "Feijóo regalou dous millóns de euros á Fundación Cela"
A deputada lembrou que o BNG denunciou, de maneira reiterada, os escándalos da Fundación Cela a costa do erario público e agora a Fiscalía corrobora estas denuncias.
Manter a Dositeo Rodríguez no Consello de Contas é unha indecencia e un descrédito para este organismo.
Pleno.- A deputada do BNG, Ana Pontón formulou unha pregunta ao Goberno sobre a investigación xudicial en relación coa xestión da Fundación Camilo José Cela á que , Feijóo regalou dous millóns de euros de todos e todas as galegas.
A parlamentaria principiou a súa intervención amosando o auto no que o Ministerio fiscal, en relación co ex-xerente da Fundación Cela, Tomás Cavanna, asegura que non foi despedido senón que el mesmo solicitou o seu cese nunha reunión celebrada o 30-11-2009, xuntanza na que entre outras persoas se atopaban: Marina Castaño, Jesús Vázquez Abad, Roberto Varela Fariñas e Dositeo Rodríguez.
Ana Pontón pide a dimisión de Dositeo Rodríguez no Consello de Contas por decencia
Para a deputada, manter a Dositeo Rodríguez no Consello de Contas é unha indecencia e descrédito para este organismo polo que pediu a súa dimisión por pertencer ao Padronato da Fundación e membro do organismo que debe fiscalizar as contas da Fundación.
A Fiscalía define a carta de despido como esperpento xurídico e afirma que foi escrita polo propio Cavanna. Para máis inri dixo a deputada, foi pactada unha indemnización por 150.000 euros procedentes de fondos públicos e cun trato fiscal de dietas para non pagar retencións.
A Fiscalía, engadiu, cre que estamos ante un caso de malversación de fondos públicos e imputa a Marina Castaño, a Tomás Cavanna, Luís Delso, Covadonga Rodríguez e a Dositeo Rodríguez.
Ante estes feitos, o BNG quer saber se a Xunta considera que está a reforzar a credibilidade do Consello de Contas manter a un membro imputado por malversación de fondos públicos, se é legal o nomeamento de Dositeo Rodríguez no Consello de Contas ao tempo que forma parte do Padroado dunha Fundación pública que debe auditar e que, ademais dirixe a súa propia filla e se o Partido popular que defende que cargos públicos dimitan polos seus comentarios nun twet qué vai facer con persoas acusadas pola Fiscalía de malversacións de fondos públicos, estafa, apropiación indebida, e fraude fiscal.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez respondeu á deputada que a Fundación naceu no ámbito privado para defender o legado de Camilo José Cela e o mantemento dese legado fixo que a administración pública o asumira. Román Rodríguez asegurou que o coste era descomunal e cando se produciu a asunción pública tamén se elaborou un plan de viabilidade. O conselleiro afirmou que o xerente tivo o mesmo trato que o resto dos traballadores polo que non houbo trato de favor. Román Rodríguez eludiu responder ás preguntas formuladas pola deputada nacionalista.