Ana Miranda pide en Europa que se retire a proposta para prohibir o xeito
Ana Miranda presenta varias emendas á proposta da Comisión de Pesca do Parlamento europeo para prohibir o xeito e reclama respecto ás competencias exclusivas de Galiza en augas interiores para evitar que o sector desapareza
A Portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda presentou varias emendas á proposta da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo elaborada pola eurodeputada italiana, Renata Briana, sobre a prohibición das redes de deriva.
Ana Miranda presentou unha emenda á totalidade ao informe para que a Comisión Europea retire de maneira definitiva a proposta e no caso de non prosperar esta emenda, a portavoz nacionalista presentou outra para que a arte do xeito sexa excluída da prohibición, por representar un arte de pesca selectiva e sustentable e polo impacto socioeconómico negativo que provocaría a súa prohibición.
Por outra parte, Miranda demanda respecto ás competencias exclusivas de Galiza na ordenación pesqueira, a xestión e control nas augas interiores nas que o xeito está perfectamente regulado en Galiza, tal como recoñece un informe recentemente presentado polo propio Parlamento Europeo.
O resto de emendas defenden a relevancia socioeconómica do sector e necesidade de lexislar aproveitando o coñecemento do sector pesqueiro.Neste sentido, a nacionalista denuncia que ,foi precisamente o descoñecemento da Comisión sobre a realidade do xeito e a incompetencia dos Gobernos galego e español para defender inicialmente a proposta do sector, a que provocou que o sector correra o risco de ficar a deriva.
O BNG mantivo ao longo destes meses diversos encontros co sector do xeito a pé de porto en diferentes vilas galegas como Rianxo, Redondela, Cambados, e outras vilas tanto do Salnés como do Barbanza e a ría de Vigo, co fin de trasladar as iniciativas defendidas por esta forza política no Parlamento Galego, Congreso dos deputados e Parlamento europeo. Sobre esta esta última institución , Miranda salienta que foi o BNG quen propiciou a visita e interlocución do sector do xeito en Bruxelas cos responsábeis comunitarios, tanto na Comisión como na Eurocámara.
A última acción na defensa do sector, recalca, foi esta semana coa presentación de 9 emendas ao relatorio sobre as redes de deriva na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo. A presión do sector co apoio do BNG van acadar que non pase a proposta augura a nacionalista porque o xeito e unha pesca de subsistencia fundamental para moitos fogares e vilas costeiras en Galiza.
O BNG, única forza política que levou o sector ao Parlamento europeo a falar do xeito cos responsábeis comunitarios
O BNG foi á única organización política que levou ao sector a falar directamente desta problemática a Bruxelas e a propia Comisión Europea, respostaba a unha pregunta do BNG no Parlamento Europeo, que este encontro o pasado mes de decembro, foi determinante para obter información sobre as consecuencias de incluír a esta arte de pesca artesanal na prohibición de redes de deriva para corrixir a decisión e lembrando que, nin o Goberno galego, competente na pesca do xeito nin o central fixeron os deberes ao non enviar información sobre este tipo de pesca no momento inicial .
Esta falla de información dos Gobernos español e galego sobre as actividades pesqueiras artesanais desenvolvidas nas augas interiores de Galiza, e sobre as que Galiza ten competencias propias, son as que levan ao BNG a pedir que se respecte a nosa soberanía pesqueira en augas interiores defende a portavoz nacionalista en Europa.
O voto das emendas producirase o vindeiro 10 e 11 de abril na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo en Bruxelas e o voto no Pleno de Estrasburgo no mes de maio.