Agradecemos o traballo da concelleira de Avión quen declinou participar na candidatura de 2015

O BNG quere agradecer o traballo da actual concelleira en Avión, Almudena Valiñas, e facer un recoñecemento público do seu labor en defensa dos intereses dos veciños e veciñas deste concello, nun contexto político no que o PP exerce un control case absoluto na provincia.

Nesta situación, a formación nacionalista entendeu e aceptou a decisión da concelleira de desestimar ir na candidatura BNG-Asembleas Abertas para o concello de Avión nos comicios do 24 de maio, decisión que trasladou ao responsable comarcal, Luís Pérez “Ficol”, a quen comunicou a súa intención de non ocupar ningún posto na lista nacionalista.

O BNG respecta a decisión da actual concelleira de renunciar a súa militancia, e mesmo a pode entender desde o punto de vista humano e persoal, pero non considera casual que esa decisión se anuncie inmediatamente despois de que o presidente do PP de Ourense, Xosé Luís Baltar, arremetese contra a candidatura simbólica presentada polo BNG en Avión, como podería ter elixido moitos outros concellos da provincia por idénticos motivos.

Unha candidatura coa que o Bloque pretende precisamente denunciar a asfixia democrática que o PP exerce na provincia de Ourense, utilizando os orzamentos e o poder da Deputación como maquinaria electoral por parte do “clan Baltar”, coa aquiescencia de Feijóo que non lle importa o deterioro democrático que soporta a cidadanía de Ourense a cambio de controlar o voto da provincia.