Adolfo Muíños anuncia que Rianxo deixará Sogama para integrarse na planta do Barbanza

O alcalde do BNG en Rianxo, Adolfo Muíños, anunciou o sábado pasado no Encontro de cargos do BNG que tivo lugar na súa vila, que o seu concello deixará Sogama para apostar pola planta de tratamento de lixo da comarca da Barbanza.

O goberno de Rianxo decidiu facer unha aposta polo sistema de reciclaxe, un sistema moito máis respectuoso co medio, cumprindo así o compromiso indicado no programa electoral con que o BNG concorreu ás últimas eleccións municipais.

O BNG continúa a cuestionar un modelo que nin é o máis económico nin é ecolóxico e que representa un engano á cidadanía, pois no complexo de Sogama nin sequera unha porcentaxe significativa dos residuos se valorizan ou se reciclan, senón que simplemente se enterran. Deste xeito, os concellos do BNG amosan que son ferramentas útiles, e que coas súas medidas e decisións, non só podemos mudar as terríbeis políticas que o PP está a aplicar á cidadanía senón que apostamos por políticas baseadas na sustentabilidade. Fronte á inmediatez e á falta de miras, cómpre ollar para o futuro pensando nas xeracións vindeiras e contribuíndo a un modelo que tamén pode no presente supor unha bolsa de traballo na comarca.