Adán reclama a figura de persoa consumidora vulnerábel e o PP rexeita a proposta
A nacionalista criticou o tiket enerxético proposto por Feijóo para persoas con ingresos inferiores a 532 euros porque non resolve a pobreza enerxética
A deputada do BNG, Carme Adán lamentou hoxe, no pleno da Cámara galega, o voto en contra do Partido popular para crear a figura de persoa consumidora vulnerábel como medida de protección para as familias e persoas con menos recursos que lles impide abonar o subministro enerxético.
Tras a intervención do portavoz popular, Hipólito Fariñas que anunciou o voto contrario á iniciativa do BNG, a deputada cualificou de complexo poder explicar como o Partido popular impide definir a figura de persoa consumidora vulnerábel para establecer medidas que erradiquen a pobreza enerxética.
Vostedes, dixo, non poden afirmar que están a favor dos valores da nosa iniciativa para, a renglón seguido, non presentar sequera unha emenda con propostas que posibilite o consenso e aprobación da mesma.
A deputada lembrou que na comunidade catalá existe esta figura e rexeitou a proposta de Feijóo dun tiket que bonifique ás persoas con ingresos menores a 532 euros, esas non son persoas en situación de vulnerabilidade enerxética, dixo, son persoas que están absolutamente na pobreza e debería darlles vergonza propoñer ese tiket enerxético.
Temos un País con vales asolagados, surcado de liñas de alta tensión e montes inzados de muíños de vento e o Partido popular non é quen de chegar a un acordo para definir persoa consumidora vulnerábel xa non digamos, recalcou a nacionalista, establecer medidas contra a pobreza enerxética.
Máis accidentes e mortes por carencia de subministro enerxético que por tráfico
A parlamentaria insistiu no concepto pobreza enerxética e nas consecuencias de aplicar o 10% dos soldos a facer fronte á factura da luz e do gas, e destacou que 30.000 fogares non perciben ningún ingreso e moitas familias teñen a todos os seus membros no paro. Nos últimos tempos, dixo, a pobreza enerxética provoca efectos na saúde e mortalidade adicional no inverno no Estado español, unha das máis elevadas de Europa.
As mortes por pobreza enerxética son superiores ás producidas en accidentes de tráfico e este dato, afirmou, debería obrigar aos gobernos a modificar a lei e defender aos afectad@s.
Adán concluíu a súa intervención apelando á necesidade de implementar medidas contra os cortes de luz e gas a aquelas familias que se aproximan o umbral da pobreza polo que reiterou que incluír a definición persoas consumidora vulnerábel sería un primeiro paso.
O PP amosa máis preocupación polos beneficios das grandes empresas eléctricas que polas persoas afectadas pola pobreza enerxética.