Adán pregunta polo uso do antigo Hospital de Vigo e os prazos para os novos xulgados
A deputada asegurou que é un erro non utilizar os anexos I e II do antigo Hospital de Vigo para usos sociosanitarios nunha cidade con grandes necesidades nesta materia e acusou á Xunta de "improvisación" no porxecto dos futuros xulgados
A parlamentaria do BNG, Carme Adán preguntou hoxe ao goberno polo proxecto concreto para o futuro dos xulgados da cidade de Vigo e a utilización para usos sociosanitarios dos anexos I e II do antigo hospital xeral de Vigo.
A parlamentaria lembrou que SOS Sanidade pública considera un erro non utilizar o anexo I e II do antigo Hospital de Vigo para usos sociosanitarios, un edificio, dixo que conta con moitos metros cadrados e posibilidades para este cometido.
A Xunta prevé para o ano 2019 o remate das obras dos novos xulgados de Vigo
O director xeral de Xustiza, Javier Aguilera respondeu á deputada que aínda está por decidir que o anexo II do antigo hospital de Vigo sexa a sede do IMELGA, todo dependerá do resultado do proxecto gañador, pero dentro das previsións da Xunta figura o ano 2019 para a conclusión das obras. Sobre os usos sociosanitarios do anexo I coñecido como a torre do Hospital pode ser tamén empregado para uso xudicial polas condicións do edificio.
A parlamentaria lembrou que a exconselleira de sanidade, Pilar Farjas, nunha comparecencia parlamentaria no ano 2010 anunciou que a torre do antigo hospital de Vigo sería utilizada para usos sanitarios e mesmo dun centro de alta resolución e a Cidade da Xustiza sería ubicada nas inmediacións dos actuais xulgados. Pasan os anos, dixo, e o que comprobamos e improvisación por parte da Xunta , tanto no ámbito sociosanitario tan necesario para a cidade como nas previsións sobre os futuros xulgados.
Carme Adán adiantou que presentará unha pregunta parlamentaria sobre a decisión de non utilizar o anexo II para uso socisanitario cando o propio director Xeral de Xustiza, Javier Aguilera non confirmou se ese espazo será utilizado para a dirección do IMELGA.