Adán pregunta ao Goberno polo Plan de acollida de persoas refuxiadas
A deputada Carme Adán esixiu coñecer as condicións do anunciado plan de acollida da Xunta e lamentou que a directora xeral de Inclusión non aportara ningunha información sobre accións concretas para o acollemento
A parlamentaria do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta na comisión de Administración xeral relativa as accións programadas polo Goberno para facilitar o acollemento de persoas refuxiadas en Galiza.
A deputada solicitou coñecer as condicións do anunciado plan anunciado pola Xunta sobre todo no que atinxe ao ámbito educativo, polo que preguntou con que equipamento contarán eses nenos e nenas que descoñecen o noso idioma, o ensino, a lectoescritura e outras condicións que servirán para incluíl@s nun sistema educativo novo.
A nacionalista lamentou a falta de concreción esgrimida pola directora xeral de Inclusión, Amparo Méndez polo que volveu preguntar polo orzamento destinado ao plan de acollemento, ou polo menos, dixo unha previsión de orzamento.
A parlamentaria amosou a súa sorpresa ante a a resposta directora xeral que afirmou que dende o momento que as persoas conten con todos os dereitos plenos poderán acceder aos servizos ao que a parlamentaria respondeu que hai unha fase previa por parte das administracións que non se resolve só coa coordinación porque cada acción coordinada significa dedicar un recurso e un equipo humano que como vostede mesma recoñeceu debe ter un custe orzamentario, ou ben para un concello ou para a Xunta de Galiza.
Adán insistiu nas súas preguntas sobre a inclusión social para as persoas refuxiadas en diversos ámbitos, vivenda, emprego, sanidade, ou necesidades inmediatas que precisan dunha dotación orzamentaria.
A deputada do BNG lamentou que unha vez máis, o Goberno galego non conte cun plan concreto a pesar de vender nos medios de comunicación que xa estaban perfiladas todas as condicións para recibir en Galiza ás persoas refuxiadas.
O Goberno galego é o que ten que coordinar e poñerse en contacto cos concellos e sinalar as competencias que lle corresponde a cada quen pero despois da súa resposta concluímos que tampouco tomaron a iniciativa neste sentido.