Adán pregunta ao director do IGAPE polo impago das axudas a emprendedor@s
A deputada criticou que o IGAPE non presentara a incidencia dos indicadores das políticas públicas nin os resultados das distintas iniciativas desenvolvidas polo Instituto de Promoción Económica
Trala comparecencia do director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, (IGAPE), Javier Aguilera na comisión de Industria para informar dos instrumentos de apoio ás PEMES, a parlamentaria do BNG, Carme Adán preguntou polos impagos á emprendedores e emprendedoras e puxo como exemplo o caso dunha emprendedora á que lle foi concedida unha das axudas para o establecemento como persoa traballadora autónoma o día 19 de xaneiro de 2016 e a día de hoxe, 20 de abril, e tras poñerse en contacto coa consellería de Industria foi informada de que aínda non podían confirmar a data do pago da axuda concedida.
A parlamentaria reiterou que o director do IGAPE debe explicar a falta de financiamento e a menor evolución de crédito, a pesar, dixo, de que Galiza conta coa mellor evolución de depósitos. Neste sentido, explicou que no 2009 por cada 100 euros de depósito era concedido crédito por 132 euros e na actualidade son 74 euros, e dicir, unha caída do 44% no financiamento das pequenas e medianas empresas e familias. A esta restrición do crédito, engadiu a nacionalista, hai que sumar a redución do orzamento do propio IGAPE, pasando no 2009 de 306 M a 92 M e a maiores, os niveles de execución foron os peores de todo o goberno mesmo diminuíndo nalgunhas partidas entre o 20% e 30%.
A deputada pediu información sobre o número de proxectos empresariais que contaron con axudas do IGAPE porque resulta moi difícil valorar as distintas iniciativas emprendidas polo Instituto de Promoción Económica sen ter os proxectos viábeis e cantas empresas foron creadas para poder realizar un mínimo contraste.
A parlamentaria do BNG afirmou que nin o IGAPE nin a consellería de Medio Rural impulsaron medidas para resolver a grave crise do sector lácteo, máis ben remaron a contra igual que nos sectores industriais que existían e que na actualidade esmorecen. Están acaso as PEMES mellor que antes dos gobernos de Feijóo? preguntou.