Adán pide á Xunta que rectifique a súa política de recortes en I+D+i
A parlamentaria salientou o descenso do esforzo investigador en I+D+i e a inestabilidade dos investigadores e investigadoras
A parlamentaria do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta ao goberno na Comisión de Industria sobre a situación das empresas innovadoras en Galiza e o descenso e evolución negativa no sector.
Adán aludiu aos datos do IGE que cualificou de desoladores polo descenso alarmante do número de empresas con actividades innovadoras dende o ano 2008 ate o 2013 en case un 50%, 44%,45,1% e 47% respectivamente polo que na actualidade, a metade das empresas xa non realizan esta actividade, afirmou.
Por outra parte, asegurou que os datos relativos ao esforzo en I+D en relación ao PIB tamén son preocupantes e o gasto en I+D pre cápita é ostensibelmente inferior en Galiza a respecto do resto do Estado, con máis de 100 euros per cápita de diferenza no último ano.
Adán recalcou que o persoal e gastos en I+D, atendendo ao sector público ou privado foron obxecto de grandes recortes ao igual que o apoio á modernización, internacionalización e mellora da competitividade e innovación nun 7,6% que representa, dixo, 7,4 millóns de euros nos orzamentos do ano 2013, pasando de 110,6 millóns de euros a 103,1 millóns de euros.
Para a deputada, o balance das políticas de investigación, innovación e desenvolvemento da Xunta de Galiza amosan un rotundo fracaso polo que preguntou se ten previsto modificar as súas políticas.
Pola súa parte, o director da Axencia galega de Innovación, Manuel Varela respondeu á nacionalista que os indicadores macroeconómicos deben ser analizados dentro dunha crise económica e aínda que a realidade, dixo non é idílica, o número de empresas de alta tecnoloxía incrementouse nun 10% no ano 2013 e sobre o esforzo en I+D, Galiza tivo un bo comportamento a respecto do Estado.
A parlamentaria do BNG replicou que a xuventude mellor formada segue emigrando ou accedendo a traballos de baixa cualificación, e pediu a Varela Rey que non sega torturando os datos porque nas fabricas galegas traballase máis e cobrase moito menos. Adán lembrou que os investigadores e investigadoras mantiveron diferentes reunións cos grupos da oposición para denunciar os recortes e a falta de fondos e estabilidade para a investigación. Vostedes, dixo, non acadaron o obxectivo do 2% do PIB de Investimento de I+D+i e seguimos moi lonxe de acadalo.
A situación non mudou e o número de empresas de tecnoloxía decreceu, afirmou a deputada.