Adán pide que Educación retire as subvencións dos colexios sexistas

A nacionalista pide no Parlamento galego a retirada dos fundos públicos a centros sexistas que poden chegar a recibir preto de 3 millóns de euros

A Portavoz de Educación do BNG, Carme Adán instou hoxe ao Goberno galego a “rescindir os contratos cos centros educativos que segregan por razón de sexo”.

A nacionalista compareceu hoxe ante os medios de comunicación para presentar unha Proposición non de lei a través da cal reclama paralizar as subvencións aos colexios privados que separan nenos e nenas.

 

 O BNG defende a normativa do Goberno bipartito de  priorizar  fondos públicos para os  colexios  que  cumpran co criterio coeducativo

O PP avala a ilegalidade educativa

Adán dixo que no ano 2009, o Partido popular votou en contra dunha proposición non de lei nacionalista na liña de paralizar estes convenios pero tres anos despois, atopámonos cunha lexislatura na que a Consellería de Educación recortou fondos no ensino público mentres segue incentivando “os centros privados e sexistas”.

Para a deputada, a sentenza do Tribunal Supremo comparte o criterio coeducativo da Orgánica de Educación pola que os centros que separaran aos alumnos por razón de sexo non poden acceder a estas axudas e pediu que a administración galega “non segue dando voltas e avalando a ilegalidade”.

A parlamentaria asegurou que en Galiza, cinco centros privados que separan a nenos e nenas recibirán preto de tres millóns de euros públicos polo que volveu pedir “a retirada inmediata” dos fundos aos centros sexistas e que as partidas orzamentarias sexan destinadas ao ensino público en concreto, “ ao mantemento de 145 unidades educativas que serán suprimidas no vindeiro curso”, concluíu.