Adán: Feijóo quere remendar a anterior Consellería de Benestar coa nova Axenda Social"
A deputada afirmou que as dúas lexislaturas do Goberno Feijóo significaron a paralización da Lei Dependencia, o desmantelamento dos equipos de Inclusión das cidades e a redución do 70% de fondos para o Plan concertado eliminando horas de axuda ao fogar. Para a nacionalista, a Nova Axenda Social do PP responde a intención de Feijóo de remendar a anterior Consellería de Benestar ante a proximidade das eleccións.
Trala comparecencia do conselleiro de Política social, José Manuel Rey Varela para informar da nova Axenda social, a parlamentaria do BNG, Carme Adán manifestou que as medidas recollidas no texto para resolver os problemas de vivenda son insuficientes así como as destinadas contra a pobreza enerxética e infantil.
Na súa intervención, a nacionalista afirmou que as dúas lexislaturas do Goberno Feijóo significaron a paralización da Lei Dependencia, o desmantelamento dos equipos de Inclusión das cidades e a redución do 70% de fondos para o Plan concertado eliminando horas de axuda ao fogar. Carme Adán afirmou que a Nova Axenda Social do PP responde a intención de Feijóo de remendar a anterior Consellería de Benestar ante a proximidade das eleccións.
A deputada, despois de denunciar a privatización dos centros públicos de maiores e de día, arrastrada durante anos e da elaboración dunha Lei de Inclusión social escasa no deseño da RISGA e dos complementos referidos á pobreza enerxética e vivenda preguntou cál será o modelo de colaboración cos concellos e o Consorcio de Igualdade e Benestar ou se será a Axencia de Benestar a que xestione a nova Axenda Social.
Cando analizamos a nova axenda, manifestou a parlamentaria do BNG, botamos en falta indicadores de pobreza e inclusión sobre os que hai que incidir e atopamos só unha descrición de diversos programas dos que moitos xa están en funcionamento nas diferentes administracións. A presentación desta nova Axenda social para o 2017, a piques de rematar a lexislatura, recalcou Adán, máis ben parece un encargo que lle fixeron a vostede para remendar a consellería de Benestar.
A parlamentaria concluíu aludindo ás 630.000 persoas en risco de pobreza e puxo en dúbida que se poidan beneficiar das medidas presentadas hoxe polo conselleiro Rey Varela polo que propuxo medidas efectivas contra os cortes de subministro enerxético e contra a pobreza infantil e laboral.