Adán esixe retirar o material "contaminado" do recheo da mineira da Pereiriña
A parlamentaria do BNG afirmou que un estudo do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Chan da Universidade de Vigo, alerta de verquidos e material procedente dos solos das Gándaras de Budiño afectados por un derrame de fuel-oil
A parlamentaria do BNG, Carme Adán formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Industria sobre o cumprimento da Resolución para a clausura da explotación mineira de Pereiriña no termo municipal de Salceda de Caselas pola que se establece que o material de recheo consistirá unicamente en rochas e terras limpas procedentes de sobrantes de escavacións próximas.
Na súa intervención, a parlamentaria fixo referencia ao estudo do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Chan da Universidade de Vigo que alerta da presenza de verquidos limosos, edras e material de solos das Gándaras de Budiño afectados por un derrame de Fuel-Oil.
Ademais, asegurou que os escombros utilizados no peche da mineira tamén foron detectados barras de ferro e lodos de corte de pedra polo que preguntou se as obras de restauración do peche e clausura da explotación mineira cumpren co plan deseñado.
Pola súa parte, o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces recoñeceu que a empresa encargada dos labores de recheo non cumpriron o Plan de restauración polo que a Xunta reclamará responsabilidades.
Tras a resposta do cargo da Xunta, que se comprometeu a remitir os resultados das primeiras análises realizadas pola Xunta e que reflectían material que non se adecuaba o inicialmente previsto, a deputada o BNG esixiu retirar a totalidade do material empregado e iniciar as obras con rochas e terras limpas como contempla a Resolución para clausurar a explotación mineira.