Adán defende unha “tarifa eléctrica galega” e o PP vota en contra

A deputada do BNG reclamou para Galiza a restitución de primas para o sector eólico e fotovoltaico como Canarias e Baleares

 Pleno- A portavoz de industria do BNG, Carme Adán rexeitou, onte no debate celebrado no Parlamento a última hora da tarde, a través dunha proposición non de lei “a discriminación” de Galiza no novo marco eléctrico.

A deputada defendeu “unha tarifa eléctrica galega” e criticou as reticencias do Partido popular para eliminar “a penalización” dos tributos na factura da luz dos galegos e galegas.Neste sentido, pediu establecer unha tarifa eléctrica galega cunha redución nun 30% das peaxes conformando un prezo “efectivo da enerxía eléctrica” en Galiza inferior á doutros territorios do Estado español.

A proposta nacionalista foi rexeitada polo Partido popular

Por outra parte, Adán tamén reclamaba un marco normativo para impulsar as enerxías renovábeis, o BNG, dixo, considera o subministro de enerxía como un servizo público e Galiza está sendo espoliada, ano tras ano, na súa capacidade de xeración eléctrica.

O consumo galego debe notar dun xeito claro os beneficios de contar cun parque produtor tan grande e diverso: 4 centrais termoeléctricas (2 de carbón e 2 de gas natural), 102 centrais de coxeración, 2 centrais de residuos e 309 de enerxías renovábeis (41 grande hidráulica, 116 minihidráulica, 145 eólica, 2 biomasa, 4 biogás, 1 RSU e 14 Mw de fotovoltaica), a potencia total instalada é de 10.580 MW.

Ademais, se tomamos como referencia o ano 2011, (último publicado) a produción total en Galiza de electricidade foi de 27.037 Xwh (2.325 ktep) e o consumo de 18.860 Xwh (1.622 ktep); é dicir, “exportouse o 30,2 por cento da electricidade producida no noso país”.

Este dato, que amosa a capacidade produtora de enerxía eléctrica en Galiza,explicou, “non é unha casualidade” resulta unha constante no tempo cun balanzo favorábel para Galiza: en 2010 – 37,1%, 2009 – 37,1% ,2008 – 25,5%, 2007 – 33,0%, 2006 – 32,0%, 2005 – 26,9%, 2004 – 38,0%, 2003 – 41,9%, 2002 – 37,7%,2001 – 46,0%, son resultados que nos permiten esixir tirar proveito desta capacidade.

O recibo da luz máis caro mentres os Consellos das tres eléctricas españolas, Iberdrola, ENDESA e Gas Natural repártense cuantiosos beneficios

A parlamentaria criticou que mentres os usuarios e empresas asumen a subidas do recibo da luz que agravan aínda máis as súas economias nun momento de crise, a retribución global das tres grandes eléctricas aos seus consellos de administración desde 2008, situase en 180,655 millóns de euros até xuño de 2013,cifra á que hai se deben sumar 54,23 millóns de euros entregados aos conselleiros non executivos, e dicir, “900.000 euros ao mes entre 2008 e 2012”.

As retribucións son “opacas” pero sabemos, afirmou que IBERDROLA retribuíu ao seu consello de administración con 67,8 millóns en cinco anos, ENDESA repartiu 67 millóns entre vocais e conselleiros executivos, e 10 millóns entre os non executivos, pola súa parte, GAS NATRURAL-FENOSA repartiu 45,8 millóns incluíndo os 7,2 millóns que pagou ao consello Unión Fenosa en 2008, exercicio,lembrou, no que a compañía acordou a compra da eléctrica á construtora ACS. Os non executivos repartíronse 17 millóns e coa aportación de Fenosa en 2008, o beneficio acumulado do grupo empresarial chegou aos 8.200 millóns de euros.

Adán lamentou o voto en contra do Partido popular porque confirma a súa tolerancia co espolio en Galiza.