A Xunta de Rueda non reclamará ao Estado xulgados contra a violencia machista para Santiago, Ourense e Lugo
O BNG recriminou ao PP no Parlamento galego o seu veto á iniciativa nacionalista para que a Xunta demande do Estado a creación, ao marxe da programación ordinaria, de Xulgados de Violencia sobre a Muller, con competencias exclusivas e excluíntes, nos partidos xudiciais de Ourense, Santiago de Compostela e Lugo.
“A única esperanza que nos queda en igualdade neste País é que xa queda un día menos de goberno do PP”, concluíu con contundencia o portavoz nacionalista de Xustiza, Iago Tabarés, logo que o PP manifestase a súa oposición a unha iniciativa que, segundo lle aclarou, pasa por dotar a Galiza destes novos xulgados con competencias exclusivas e excluíntes, é dicir, “que as competencias de violencia sobre a muller estean residenciadas sobre un xulgado e este non teña a obriga de levar outras materias” para, deste xeito, garantir a máxima axilidade xudicial e a mellor atención posible ás vítimas.
Tabarés recordou que para conseguir estas novas unidades xudiciais, que o Bloque tamén reclama en Madrid, é preciso da participación do Executivo galego, que “ten que facer os seus deberes”. “Non pode haber transferencia se a Xunta non as solicita e é a Xunta quen ten que solicitar estes xulgados”, recalcou para engadir a continuación que, dende finais do ano pasado, “teñen vostedes un plan global do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza alertando do mal estado no que se atopan os xulgados de violencia de xénero galegos”.
Logo de repasar as necesidades reflectidas no citado informe e entre as que citou o incremento de maxistrados e maxistradas e dos cadros de persoal, a prolongacións de xornada permanentes ou a cobertura das baixas por enfermidade, Tabarés censurou a resposta do Goberno galego que, segundo dixo, “o que fixo ante este demoledor informe foi suprimir as prolongacións de xornada, é dicir, sobrecargar aínda máis ao persoal que está atendendo este servizo”.
Na defensa da iniciativa, o deputado do Bloque recordou os distintos acordos unánimes acadados previamente na Cámara galega para solicitar a creación urxente de xulgados específicos de violencia sobre a muller, entre outros, nos tres partidos xudiciais recollidos na proposta nacionalista debatida hoxe, e lembrou de igual xeito que o propio PP reclamara en varias ocasións a creación destas unidades especializadas.
“Curiosamente estas peticións eran anteriores ao goberno de M. Rajoy”, afeou, para reprobar a continuación á bancada do PP que “resulta bochornoso como vostedes mudan as súas políticas e as súas demandas en función de quen goberne no Estado, evidenciando que o importante non son os galegos e as galegas, senón a estratexia do seu partido”.