A Xunta fracasa na loita contra o paro

O retrato real da crise non é unha fría estatística, ten nomes e apelidos, como os dun grupo de desempregados que asistiron á sesión de control do Parlamento, convidados polo BNG, para escoitar que lles pode ofrecer Feijóo, aparte do seu fracaso na loita contra o paro.

"Falamos de homes e mulleres con soños, con ilusións, con proxectos, con vidas tronzadas por unha crise que non causaron mais que sofren as súas consecuencias”, afirmou a voceira do GP do BNG Ana Pontón.

Para a voceira parlamentar, o retrato real da crise son persoas con nomes apelidos como Herminia, ex traballadora de Alfageme; Ana, parada do sector textil; Samuel e Manuel, vítimas da crise do naval ou Marola, unha licenciada en Químicas que só tivo empregos precarios, que se desprazaron hoxe até a Cámara, acompañados por outras persoas na mesma situación, “para escoitar que lles ten que dicir o presidente da Xunta”.

Fuxir das responsabilidades

Ana Pontón lamentou a insensibilidade de Feijóo ante situacións como as descritas, que viven milleiros de persoas no País, e criticou que malia esta realidade siga fuxindo das súas responsabilidades e practicando unha política “letal “ e “cruel” de máis recortes nas políticas de loita contra o paro.

Feijóo debera ter a mesma condescendencia que tivo cos ex directivos das caixas cos milleiros de galegos e galegas que están a pagar a crise que non causaron

“Negando os problemas –engadiu a deputada- non vai atopar as solucións” e tampouco teimando en mentir e en botar as culpas aos demais, nomeadamente ao BNG.

Neste sentido, asegurou que xa é rídiculo recurrir sempre ao argumento dos pactos ou apoios do BNG ao PSOE e lembrou que a formación nacionalista non avalou a política económica que levou á crise, “son vostedes quen abrazan e defenden este modelo económico fracasado que hoxe afoga a milleiros de persoas”.

Condescendencia cos ex directivos das Caixas

Ana Pontón foi máis alá e recordou ao presidente que o PP non só abraza o modelo económico que levou á crise senón que foi condescendiente e amparou a algúns dos responsábeis da mesma, regalando un tempo de desconto aos ex directivos das caixas, que lles permitiu blindar indemnizacións millonarias.

Negando os problemas non se solucionan e tampouco mentindo e botando as culpas de todo aos demais

“Como mínimo –engadiu- debía ser igual de condescendiente e comprensivo coas persoas que sofren o drama do paro e ofrecerlles algo máis que recortes e mentiras”.

Mais a realidade, asegurou a parlamentar do BNG, é que Galiza ten un presidente “indolente” e que todos os anuncios e plans feitos polo mesmo acaban en fracaso.

Plans fracasados

A este respecto, preguntouse onde ficou o Plan anunciado en Marzo que ía crear 44.000 postos de traballo;

que foi do plan eólico e os 14.000 empregos que ía xerar; por que o sector do autómobil aínda está á espera do prometido coche eléctrico; onde están o convenio asinado con Pemex e a proposta de tax lease e por que se esqueceu do compromiso persoal de construción do dique flotante en Ferrol.

Onde están os postos de traballo que ía crear o Plan Eólico, o textil  e o automóbil e por que non fan público o contrato con Pemex e a proposta de tax lease?

“Gobernar –concluiu Pontón- é algo máis que dar titulares de prensa. Vostede leva tres anos nos que dedicou máis tempo ás tertulias madrileñas e a ser comentarista da realidade que a gobernar e aí está o seu resultado, faltou á súa palabra e falloulle ás persoas que confiaron nas súas promesas de que combater o paro e levar a Galiza pola senda do crecimento ía ser a súa prioridade”.