Galegas 2024

A Xunta Electoral volver dar a razón ao BNG estimando as denuncias de uso partidista e electoralista dos recursos públicos por parte do PP

Rubén Cela

A Xunta Electoral volve dar a razón ao BNG estimando parcialmente as denuncias de uso partidista e electoralista dos recursos públicos por parte do PP, tal e como vén de comunicar a través de dúas resolucións o órgano de administración electoral.

Ante a denuncia do Bloque en relación á vulneración por parte do PP do artigo 53 da LOREX sobre propaganda e contido electoral, a Xunta electoral conclúe que o PP vulnerou tal precepto ao estimar que “si ben é certo que en ningún deles se pide expresamente o voto, isto non é motivo para non considerar como propaganda electoral calquera actividade que directa ou indirectamente pretenda a captación de sufraxios (art. 50.4 da LOREX)”.

“No presente caso -afonda a Xunta Electoral na resolución- se inclúen mensaxes que reflexan a intención de persuadir ao elector en orde a apoiar a devandita formación política e polo tanto exceden do que se considera funcións constitucionalmente recoñecidas aos partidos políticos”.

En relación á denuncia do BNG sobre o uso partidista da web institucional da Xunta por parte do PP para realizar anuncios electoralistas, a Xunta Electoral estima en concreto sobre o anuncio de convocatoria de axudas para facilitar a xente de moza a obtención do carné de conducir que “o presidente da Xunta que é público e notorio que é un candidato ás próximas eleccións autonómicas, puido terse limitado a cumprir as súas funcións institucionais de transparencia no senso de dar a coñecer a concesión de axudas destinadas a ese fin. Porén, fixo unha valoración delas que exceden das ditas funcións xa que, obxectivamente e nun proceso electoral en curso, teñen unha connotación electoralista”.

Segundo a resolución, “desas frases, claras e precisas, é posible inferir unha identificación da súa condición de presidente da Xunta -coas conseguintes competencias que lle confire o ordenamento xurídico (art. 15 do EAG e arts. 10 a 26 da LRXP, en relación co art. 103.1 da CE)-, coa súa condición de candidato, co fin de persuadir ao potencial elector de que lle vote e, deste xeito, a entidade política pola que se presenta, obteña unha maioría de apoio electoral. Con esta forma de proceder vulnerouse o principio de neutralidade dos poderes públicos."