A Xunta debe intervir para garantir os dereitos laborais nos ERES en Bosch e Vodafone
Montse Prado salienta que a Administración é cliente das dúas compañías “e debe enviar un sinal claro” de que non se pode obter beneficios no país e a cambio destruír emprego
O BNG reclama ao Goberno galego que utilice os recursos legais dos que dispón para garantir os dereitos laborais dos e das traballadoras nos procesos de EREs abertos nas empresas Bosch e Vodafone, ambas no sector das telecomunicacións con servizos de teleasistencia, e ambas con contratos coa Administración galega.
Así o destacou a deputada Montse Prado na comisión de Emprego, one apuntou esa dobre condición de autoridade laboral e cliente da Xunta para reclamarlle que actúe.
“Debe enviar un sinal claro e firme ás compañías coas que contratan ou que xestionan concesións administrativas ou servizos públicos”, salientou Prado, “debe existir un retorno claro en Galicia en forma de emprego no sector de servizos ou no sector industrial. Non son admisibles os procesos de deslocalización mentres os e as galegas reciben cada vez peor servizo e, no caso de atención ao cliente, o galego é relegado ou directamente excluído. A capacidade da Xunta como investidor, cliente ou como parte contratante é innegable e debe ser exercida con plenitude”, reclamou.
No caso de Bosch Service Solutions ubicada en Vigo desde 2003, o ERTE presentado pola dirección da empresa afecta a máis de 600 traballadores e traballadoras, un 60% mulleres, dun total de 1.683 empregos. No caso de Vodafone, o ERE presentado pola compañía podería afectar a cerca dun 25% do cadro de persoal que ten en Galiza.
O Bloque denuncia que a deslocalización está detrás desta pretensión de recortar emprego en Galiza, cara países onde a falta de garantías laborais é evidente como Colombia ou Exipto.
No caso de Bosch, Prado denunciou que a empresa “en ningún momento intentou minimizar o impacto nin as consecuencias da medida, tanto no número de persoal afectado como en termos económicos. Tanto é así que tendo a empresa 98 vacantes no centro de Vigo para servizos distintos de Vodafone négase a recolocar ao persoal indefinido afectado polo ERTE iniciando campañas de contratación”.
Pechar o período de consultas sen informar ao cadro de persoal de cal era a situación, sen documentación completa e correcta coa pretensión de que todas as repercusións sexan a costa dos e das traballadoras son algunhas das irregularidades denunciadas pola deputada nacionalista no debate en comisión, no que o Goberno galego se limitou a tirar balóns fora apelando ao ámbito estatal dos convenios.
O BNG denunciou tamén a precarización laboral neste tipo de empresas do que responsabiliza aos diferentes gobernos do Estado “por impulsar a liberalización do sector de telecomunicación para facilitar o negocio do capital e pasar de ser un servizo público a considerarse un servizo de interese xeral”. Como consecuencia, non só a precariedade no emprego senón tamén o aumento da fenda dixital porque abandonan ou deterioran a calidade do servizo que prestan nos territorios que non son rendibles economicamente, esquecendo a súa obriga social.