A Xunta confirma que non cobra 5M€ polo canon á concesionaria dos Complexos deportivos da Coruña

O deputado do BNG, Francisco Jorquera denunciou “trato de favor” da concesionaria GAIA cunha entidade vinculada ao xefe Provincial de deporte

O deputado do BNG, Francisco Jorquera preguntou hoxe ao Goberno pola xestión dos complexos deportivos de Elviña, A Sardiñeira e Agra do Orzán na cidade da Coruña, dependentes da Xunta pero privatizada.

Jorquera explicou que dende o ano 2006 as instalacións son xestionadas pola Unión Territorial de empresas Gaia deportiva e Movex Vial S.L e no ano 2014 a Xunta resolveu o contrato coa concesionaria por incumprimento, por parte de Gaia da obriga do pago do canon e o deficiente mantemento das instalacións, sen embargo, “a xestión segue recaendo na mesma empresa”.

O deputado salientou que a concesionaria “pretendeu impedir o acceso gratuíto ás instalacións do alumnado do IES Agra do Orzán que durante 23 anos disfrutaron deste servizo”. Por outra parte, a Asociación coruñesa de Waterpolo asinou un convenio coa empresa para o uso das instalacións a determinadas horas a cambio de ofrecer este deporte de maneira gratuíta aos seus abonados pero a empresa concesionaria “anulouno unilateralmente” e prohibiu a entrada aos deportistas da asociación nas condicións establecidas para o conxunto de usuarios.

A Xunta tenta resolver o problema ofrecendo unha piscina privada e inadecuada para a práctica do waterpolo

O deputado lembrou que a unha pregunta escrita formulada polo BNG, a Xunta limitouse a responder que a Secretaría Xeral para o deporte fixo xestións para procúralle á Asociación coruñesa de Waterpolo unha instalación alternativa, pero esqueceu aclarar, matizou Jorquera, que é “unha instalación privada do Colexio Liceo La Paz e cunha piscina que non reúne as condicións idóneas para a práctica desta disciplina deportiva”.

Por outra parte, Jorquera tamén aludiu ás “condicións vantaxosas” da escola de Taekwondo S.L na que figura como presidenta a esposa doXefe Provincial do deporte de A Coruña” e o propio xefe provincial fai “labores de preparador”. Sobre este estremo, dixo Jorquera, a Xunta limítase a respostar que “DOBOK está inscrita como entidade deportiva” polo que preguntou se a Xunta é coñecedora do convenio de colaboración entre DOBOK e a empresa concesionaria e que a presidenta de DOBOK é a esposa do Xefe provincial do servizo de Deportes de A Coruña.

O secretario Xeral para o deporte confirma ao BNG que a Xunta perde cinco millóns de euros ao non cobrar o canon á concesionaria

Pola súa parte o Secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete afirmou que DOBOK é unha entidade sen ánimo de lucro e o xefe provincial do Servizo de deporte é funcionario pero confirmou que a Xunta perde cinco millóns de euros ao non cobrar o canon á concesionaria.

Tras a intervención de José Ramón Lete, o nacionalista amosou unha copia do contrato de arrendamento entre GAIA e DOBOK no que figuran dúas salas en exclusiva para as clases de taekwondo, unha no complexo de Elviña e outra na Sardiñeira con dereito a 23 horas semanais mentres que para calquera entidade deportiva o aluguer, en setembro de 2012, cando DOBOK empeza a utilizar as instalacións era de 27,28 euros á hora, e dicir unha entidade deportiva que quixera alugar as salas tería que pagar 627,44 euros por 23 horas semanais, “máis de 2.500 euros ao ano” en cambio no contrato entre GAIA e DOBOK establecese non só que DOBOK non ten que pagar nada senón que “a concesionaria paga a DOBOK por prestar ese servizo.