O xuíz instrutor do accidente do Alvia pecha a investigación sen afondar nas causas do sinistro
A eurodeputada do BNG considera que ademais de responsabilidades técnicas no accidente existen responsabilidades políticas
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lamenta que o xuíz instrutor do accidente do Alvia, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, dea por rematada a fase de instrución sen investigar a fondo as causas do accidente.
“É curioso que o xuíz propoña a apertura de xuízo unicamente contra o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, e contra quen no seu momento foi director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte”, manifesta Ana Miranda, quen considera que ademais de responsabilidades técnicas na desconexión do sistema de seguridade tamén existen responsabilidades políticas, máis alá da que se lle pode botar a Cortabitarte por desconectar o sistema de control da velocidade dos Alvia un ano antes do accidente.
Para a eurodeputada nacionalista, xa que o xuíz considera que Cortabitarte autorizou a desconexión sen realizar previamente unha avaliación do risco que se podía inferir desa desconexión “sería necesario que decidise chegar ao fondo desa cuestión e investigar por que non se realizou esa avaliación de riscos”.
Axencia Ferroviaria Europea
Ao seu xuízo, deste xeito a investigación “queda coxa”, mentres que pola contra, podería avanzar se citase a comparecer ao do Director da Axencia Ferroviaria Europea (ERA), Josef Doppelbauer, e ao xefe da unidade de Seguridade Ferroviaria, Christopher Carr. Hai que lembrar que Ana Miranda é a denunciante por procedemento de infracción contra o Estado español por vulneración da normativa comunitaria aplicable no momento do accidente.
Precisamente, a normativa comunitaria esixe que o Estado español debía ter velado porque RENFE e ADIF aplicaran obrigatoriamente as medidas necesarias de control de riscos, coa responsabilidade de que houbera unha explotación segura do sistema ferroviario e do control de riscos creados nel, tal como esixe a Directiva Marco de Seguridade Ferroviaria de 2004 e o Regulamento do Método Común de Seguridade de 2012.
Esta normativa esixe realizar unha avaliación de riscos integral nos sistemas estruturais (Infraestrutura, enerxía, control de mando e sinalización, sistemas de xestión do tráfico ferroviario...) e tanto RENFE como ADIF eran responsables da súa parte do sistema e da explotación segura.
Informe da ERA
Ana Miranda lembra que o primeiro informe da ERA, de xullo de 2013, que cuestionaba a investigación feita pola CIAF, xa afirmaba que non se comprobara a avaliación previa de riscos, o estado da vía e do tren”. “Non podemos esquecer que foi grazas a ese informe europeo que tres días despois a Audiencia Provincial da Coruña reabrira o caso citando a responsables técnicos de ADIF e RENFE”.
Tras a denuncia presentada en xullo de 2017 e que está pendente de resposta pola Comisión Europea, a Comisión comprometeuse coa denunciante a preparar un novo informe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA) para avaliar a transposición da normativa no momento presente. Para abrir un procedemento de infracción, a Comisión Europea ten que avaliar a situación actual xa que se non se cumpre agora, non se cumpriu no pasado.