Xosé Luís Rivas: “A situación médica do Centro Penitenciario de Paradela, en Curtis, é dun estado lamentable”
O BNG denunciou a situación de desatención sanitaria á poboación reclusa do Centro Penitenciario de Paradela, penalizado no seu servizo de urxencias por mor da escaseza de facultativos no PAC de Curtis e no propio cárcere, cun único médico para atender ás urxencias.
Este penal, cunha poboación de 1.200 reclusos, conta con nove médicos dos cales hai sete vacantes e un de recente xubilación, “o que nos deixa un panorama dun so facultativo real para cubrir o servizo as 24 horas os 365 días do ano”. Nos últimos meses, “o persoal médico tanto do PAC coma do Centro de Saúde foron requiridos polo 061 para atender emerxencias debido a esa falta de persoal médico no Centro Penitenciario”, expuxo o parlamentario do Bloque. Estas demandas, explicou, “provocan interrupcións na actividade e retrasos considerables na atención”.
“O concepto de sanidade pública do PP é para adiante aínda que se lesionen os dereitos da poboación, a atención médica é un dereito que vai inherente á persoa”, denunciou o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, que exixiu solucións fronte a desatención sanitaria do penal de Paradela, “onde, para remediar a a carencia de médico atopámonos coa situación e que é o persoal enfermeiro o que se fai cargo dos casos, e moitas das veces teñen que pedir axuda”, lamentou.
Rivas invocou á Lei 16-2003, “na que se habilitaba a transferencia de competencias dos centros penitenciarios ás comunidades autónomas”, iniciativa á que se sumaron Euskadi, Catalunya, Navarra, “mais non a Galiza gobernada polo PP”, criticou.
As actuais “condicións leoninas” do traballo nos centros penitenciarios “amosan o desleixo dun PP incapaz de asumir ningunha competencia neste eido, e así estamos, mentres tiran a pelota dun tellado ao outro está a xente no medio, paga a a cidadanía e a cidadanía reclusa, tamén un persoal sanitario farto de estar na corda frouxa sen saber que facer”, denunciou e fixo fincapé “na xa precaria situación de por si do PAC de Curtis, que atende a 9.000 persoas distribuídas en 416km2 con máis de 500 núcleos de poboación”.
Demandas que foron rexeitadas polos Populares na Cámara, que rexeitaron tanto a asunción de competencias como a dotación de máis facultativos e facultativas no PAC de Curtis, “algo que demanda a propia veciñanza”, concluíu o parlamentario do BNG.