Viva a independencia de Kanaky libre!
O Bloque Nacionalista Galego defende o dereito de todos os pobos á autodeterminación e, desde a súa creación, caracterízase polo seu firme compromiso antiimperialista e anticolonialista cos demais pobos do mundo que loitan pola súa liberación nacional.
Asistimos, pois, con consternación ante a nova ofensiva lanzada polo goberno colonial francés sob o pretexto da denominada ‘desconxelación’ do voto dos colonos franceses, que tenta máis unha vez dar primacía á voz dos colonos instalados en Kanaky por encima da dos lexítimos habitantes destas terras, após a farsa do referendo celebrado en plena pandemia.
Sabemos de primeira man até que punto os estados coloniais están dispostos a negar as reivindicacións nacionais para manteren os seus privilexios e continuaren a espoliar os recursos dos pobos que procuran subxugar en van.
É neste espírito de solidariedade internacionalista que expresamos a nosa solidariedade internacionalista e o noso apoio incondicional á procura da independencia e soberanía nacionais de Kanaky a través do exercicio do dereito inalienábel á autodeterminación, primeiro paso indispensábel cara á construción dunha verdadeira emancipación social en beneficio de todo o pobo kanak.
Viva a independencia de Kanaky libre!