Vilariño compromete un goberno dialogante, pero firme na defensa dos intereses da veciñanza de Lalín
Ana Pontón proclama que o BNG foi “motor de cambio” no concello e pide o apoio electoral nas xerais e municipais “porque o mellor para Lalín é acabar coa discriminación”
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación do candidato á Alcaldía de Lalín, Francisco Vilariño, que aproveitou para pedir un apoio masivo tanto de cara á cita municipal do 26M como para as eleccións xerais do 28A, porque recuperar voz propia no Congreso e ter un BNG máis forte no concello: “É o máis útil para construír un Lalín que mellore a vida de veciñanza”.
Para pedir ese apoio electoral, a líder nacionalista botou man do “gran traballo” realizado polo candidato, deixando atrás “o caciquismo e o dispendio” da etapa do PP “e sempre poñendo por diante o interese social”. Co aval do éxitoso labor de Vilariño, Pontón proclamou, “con humildade pero con orgullo”, que o Bloque foi “o autentico motor do cambio” vivido no concello nos últimos catro anos.
De cara a avanzar nese cambio, pediu apostar polo BNG para “non dar nin un só paso atrás” o vindeiro 26 de maio “porque temos un modelo claro e transformador que funciona”. Pero antes, a cita electoral do 28A “na que o máis útil para Lalín e para o conxunto de Galiza é poder contar con voz propia no Congreso que permita acabar coa discriminación da forzas estatais”.
“Catro deputados e deputadas do Bloque son máis útiles para este concello e para todo o país que 23 ás ordes de forzas estatais que nos discriminan e que pasan olimpicamente dos nosos problemas, o cambio de goberno do Estado só foi alternancia na discriminación a Galiza e a Lalín ”, argumentou, “por iso pido que nos mobilicemos para que a partir do 28 de abril recuperemos voz propia en Madrid e a partir do 26 de maio teñamos un BNG máis forte neste concello para seguir mellorando a vida das persoas”.
Vilariño, apelando ao traballo feito, deixou claro que o BNG “vai a por todas nas eleccións municipais, sen complexos, porque non lle imos pedir permiso a ninguén para seguir mellorando Lalín”. O candidato comprometeuse a conformar un goberno dialogante pero firme na defensa dos intereses da veciñanza.
“Queremos liderar o futuro goberno de Lalín, un goberno dialogante con outras administracións como a Xunta e o Goberno central, pero firme á hora de defender o que Lalín necesita”, salientou, poñendo como exemplos a defensa dun servizo sanitario de calidade que inclúe conseguir o centro de alta capacitación, ampliar os horarios e as prazas dispoñibles en escolas infantís para as familias ou dotar ao concello de máis solo empresarial cunha nova fase no parque Lalín 2000.
Iso en canto a negociación coa Xunta e de cara ás esixencias ante o Goberno do Estado salientou que o BNG non vai deixar de loitar até conseguir unha AP-53 sen peaxes para que a veciñanza quede libre da estafa que hoxe supón a tarifa de 6 € entre a capital do Deza e a capital de Galiza, apenas separadas por 50 quilómetros.
Rural e urbano
De cara ao futuro mandato local, Vilariño tamén anuncia unha “revolución” no medio rural, “para corrixir o déficit de servizos entre o rural e o núcleo urbano, porque non queremos que haxa lalinenses de primeira e de segunda, empezando por levar a rede de sumidoiros a todo o territorio municipal”.
Avanzar na humanización do urbanismo, “como fixemos no casco vello de Lalín”, e seguir apostando polos servizos sociais, serán tamén asuntos prioritarios do programe de goberno que o BNG dará a coñecer nas próximas semanas.
Vilariño asegurou que encara “con ilusión e confianza” a cita coas urnas convencido de que a veciñanza vai valorar o traballo do Bloque desde o goberno. Ademais fixo un recoñecemento expreso do labor do responsable local, Manuel Carbón, e do conxunto da organización “que nos permite estar na mellor das condicións para conseguir o apoio dos e das lalinenses o 28 de abril”.
Logros de goberno
O candidato fixo un repaso dos principais logros da xestión municipal: supresión da débeda de 5 M€, duplicar o efectivo de caixa de 4 a 8M€, deixar en 10.300 € o pago de intereses bancarios que antes ascendían a 157.000 €, reducir a presión fiscal municipal “para que as familias dispuxeran de máis recursos nun momento de crise social e de gran dificultade, ademais de demostrar que o BNG compre o que promete”, indicou.
Igualmente entre os logros económicos, o incremento do emprego, a redución do paro nun 30% e o aumento dos ingresos por actividade na construción. E, cuestión moi relevante, “logramos corrixir a tendencia demográfica á baixa mantendo a poboación por riba dos 20.000 habitantes con todo o que iso supón en termos de recursos económicos e de servizos”.
“Corriximos as dinámicas negativas o que nos permite agora estar en disposición de afrontar grandes retos e para iso pedimos o apoio dos veciños e das veciñas o 28 de abril”, concluíu Vilariño.