Vigo, balanzo dun ano de oposición: "Cumprimos"

O grupo municipal do BNG, integrado por Santi Domínguez, Iolanda Veloso e Xabier Alonso, fixo este martes unha valoración deste primeiro ano de mandato, no que o Bloque desenvolve o seu traballo na oposición. Segundo defendeu Santi Domínguez “no BNG estamos enormemente satisfeitos porque cumprimos arreo as nosas prioridades”, como son a aposta pola creación de emprego e os servizos sociais, así como no obxectivo de que o PP non goberne na cidade, rexeitando as súas políticas de recortes na Xunta e no goberno central.

A respecto do traballo do BNG no Concello de Vigo, o portavoz municipal nacionalista asegurou que os concelleiros e concelleira do Bloque “cumprimos”. “Esta cidade ten hoxe uns orzamentos que crearán emprego e manterán os servizos sociais grazas ao BNG”, afirmou. Neste sentido subliñou que se o Bloque non se empeñase nestas dúas prioridades, “ou teríamos contas prorrogadas ou orzamentos cutres en materia de servizos sociais e emprego como pretendía o goberno local”.

Falta de sensibilidade

Santi Domínguez criticou a “falta de sensibilidade” do goberno municipal sobre estes temas prioritarios para o BNG. Puxo como exemplo a modificación de crédito na que o PSOE tencionou eliminar as escolas infantís, e lembrou que “foi o BNG quen obrigou a incluílas”, así como os dous borradores presentados polo goberno vigués.

Esta cidade ten hoxe uns orzamentos que criarán emprego grazas ao BNG

Salientou tamén o traballo desenvolvido coa cidadanía e a concepción que o Bloque Nacionalista Galego ten da democracia. Neste sentido destacou que o BNG cre na “democracia participativa”, que a cidadanía sexa escoitada e que poida achegar as súas propostas. Lembrou as xuntanzas celebradas con diferentes colectivos, como as centrais sindicais, a Favec, as asociacións veciñais, as comunidades de montes, a Universidade, e as entidades de índole sociail e cultural. “Despois de aprobar os orzamentos sentímonos máis lexitimados para seguir traballando nestes obxectivos de creación de emprego e impulso da protección social, que falta como consecuencia dos recortes do PP”, asegurou.

Correveidile de Rajoy e Feijóo

Neste sentido Santi Domínguez fixo referencia á outra forza da oposición, que ao seu xuízo limítase a ser “correveidile de Rajoy e Feijóo, esquecendo que son son concelleiros de Vigo” e as necesidades da cidade. “Imaxinen o que sería un goberno do PP cómplice do Partido Popular na Xunta e no goberno central”, comentou. En consecuencia, ao respecto concluíu que no BNG “acertamos impedíndoo”. Ademais, fíxose eco asemade das insinuacións sobre un cambio de goberno en Vigo tras poñer enriba da mesa as esixencias para aprobar os orzamentos. “Mentres as políticas do PP estean centradas nos recortes e machucando os traballadores e traballadoras, o BNG nunca será cómplice de que esas políticas cheguen ao goberno da nosa cidade”, subliñou ao respecto.

Asegurou que o apoio aos orzamentos non significa que o BNG diga “amén a todo”. Pola contra avanzou que “seremos implacábeis se o goberno local se desvía destes obxectivos que nós consideramos prioritarios” e lembrou que, tal e como dixo ao inicio do mandato, que este goberno local dure moito ou pouco “só depende de que priorice emprego e servizos sociais”.