Veto do PP á proposición do BNG que pedía a derogación do Decreto dos graos universitarios 3+2
A Comisión de Educación debateu esta tarde a proposición do BNG que demandaba non levar a cabo a reforma dos
Rosana Pérez foi moi crítica co Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros sobre Ordenamento dos Estudos Universitarios que contempla a redución dos graos universitarios a tres anos máis dous de máster, en liña co modelo anglosaxón. Actualmente o sistema está no 4+1. Este Goberno, en concreto o Ministro de Educación, propúxose nesta lexislatura reducir a cinzas a educación pública, que tantos esforzos custou. Para a deputada do BNG o Goberno da pasos nunha única direción: a de fulminar a educación pública.
Con esta reforma vanse perder alunos na Universidade, será máis cara
Nesa liña, lembrou os recurtes nas bolsas educativas, o incumprimento da taxa de reposición, e a LOMCE. Cando pensabamos que estabamos ante o fin do vía crucis, e que se remataba coa aprobación da LOMCE, resulta que chega agora a reforma dos graos universitarios. De novo, Wert como o llaneiro solitario aproba sen diálogo e sen consensuar con ninguén a redución dos graos a tres anos. Unha reforma, dixo, de consecuencias negativas, como advertiu o Consello de Estado, e a CRUE, que decidiu por unanimidade, e afortunadamente, aprazar a reforma dos graos até o 2017.
Rosana Pérez acusou ao Goberno de se poñer de parte da patronal do ensino. Teñen a todo o mundo en contra, e o único que se lle ocurre dicer ao Ministro é que se vai aforrar por reducir o ensino a tres anos. Pero non fala dos problemas de desigualdade que este modelo vai xerar, non fala dos problemas económicos que van ter os alunos para realizar dous anos de máster nin das dificuldades laborais que van ter se non fan os máster. Non existirá o aforro porque as familias terán que enfrontar maior gasto. Será un suculento negocio para as Universidades privadas.
Ademáis, alertou sobre outros dos efectos perversos que será a redución do profesorado. E puxo de manifesto a outra advertencia que fixeron os reitores na Galiza porque suporá unha importante perda de alunos. Só en Galiza cuantificaron que de xeito imediato se van perder uns 4.000 alunos. Medrará a desigualdade porque os alunos con menos recursos económicos non poderán acceder a dous anos de máster.
Rosana Pérez censurou un modelo destinado a implantar unha educación elitista, que vai empiorar a calidade educativa e vai encarecer significativamente os estudos universitarios porque o custe dun máster é prohibitivo. Así afirmou que con este modelo o Ministerio vaia expulsar da formación universitaria aos alunos dos sectores sociais máis desfavorecidos.
Lembrou que o Plan Bolonia, os graos en catro anos e un de máster, aínda rematou de implantarse en 2010, e as primeiras xeracións se graduaron no 2014, sen esquecer que aínda non se extinguiu por completo o plan antigo de licenciatura.
A deputada do BNG rematou demandando a derogación do Real Decreto para que non se implante, e instou ao Ministro de Educación a retroceder.