Vence: votar BNG ten un duplo valor: para derrotar o PP e para ter proxecto nacionalista nos conce
Replica a Feijóo cando alerta sobre converter Mondoñedo, -gobernado polo Bloque-, nunha Venezuela que non ten autoridade para dar leccións de democracia quen ampara o carrexo de votos en Riotorto
Acto de campaña en Lugo de apoio ao candidato Rubén Arroxo en demanda de vivenda protexida para xente moza
O voto ao BNG-Asembleas Abertas o 24 de maio ten a potencia de que é un voto clave para derrotar ao PP nas principais cidades do país e, por outro lado, ten a potencia de ser un proxecto nacional para toda Galiza que ser reforzará con ese voto ao Bloque desde os concellos, argumentou Vence, unha reflexión que entendemos moi importante sobre todo para o conxunto da cidadanía indecisa que é unha porcentaxe moi alta.
Neste sentido, insistiu nese dobre valor, na dobre potencia do voto ao Bloque: decisivo para derrotar ao PP e decisivo para ter un proxecto nacionalista de país que se constrúa tamén desde os concellos.
Vence tamén replicou ás leccións de democracia de Feijóo, cando insta a evitar que municipios como Mondoñedo, -concello gobernado polo Bloque- se convertan en Venezuela.
Non ten leccións que dar a ninguén no mundo, dixo, quen preside un partido popular que mete medo a xente para que non participe en candidaturas alternativas ao PP, que practica o carrexo de votos no día electoral e nas semanas previas levando a votar por correo a persoas maiores que non son conscientes do seus actos, denunciou desde Lugo.
Vence citou expresamente o carrexo de votos do PP no concello de Riotorto, -tamén con goberno nacionalista-, denunciado xa polo BNG ante a Xunta Electoral, no que responsables populares carrexaron á oficina de correos do concello limítrofe de Pastoriza a persoas maiores afectas por demencia senil para formalizar o seu voto. En Riotorto o servizo de correos está ubicado na casa consistorial.
É un escándalo que o Sr. Feijóo ampare unha práctica absolutamente antidemocrática, un auténtico delito electoral, en concreto no Concello de Riotorto, pero tamén noutras partes do país onde o PP se aproveita das minusvalías de persoas maiores. No BNG temos claro que non todo vale e que Feijóo ten que encaixar a derrota alí onde a cidadanía libremente decide retirarlle a confianza ao PP e aceptar os resultados democraticamente, recalcou.
Vence participou en Lugo nun acto co candidato Rubén Arroxo para explicar as propostas de vivenda pública e social para a xente nova e para as persoas con maiores dificultades. Neste sentido, puxo en valor o proxecto de rehabilitación de vivendas no Barrio lucense da Tinería posto en marcha polo Bloque desde o Goberno da Xunta, que concluíu con vivendas en aluguer para xente nova, hoxe pechadas pola incompetencia do PP e ante a indiferenza do PSOE.