Vence e Sobral comparten co sector marisqueiro de Poio a demanda do saneamento integral da Ría

O portavoz nacional, Xavier Vence, demandou da Xunta unha solución integral para completar o saneamento da Ría de Pontevedra porque a falla de sistemas de depuración acaidos está a provocar un “enorme prexuízo” a dous dos sectores económicos do municipio, o turístico e o marisqueiro.

 Na súa visita institucional ao Concello de Poio, mantivo un encontro cos representantes do marisqueo e dos produtores de mexillón, xunto co grupo de goberno municipal que lidera Luciano Sobral, que lles transmitiron a súa preocupación polos efectos que a contaminación está a provocar nestes sectores produtivos con varias zonas de extracción cualificadas como zona C.

“O BNG demanda unha solución global, cun plan de investimentos nas infraestruturas de depuración necesario para completar, dunha vez por todas, o saneamento integral das Rías galegas, neste caso da Ría de Pontevedra, que vai máis aló dos problemas puntuais da parroquia de Raxó”, subliñou Vence. O dirixente nacionalista fixo referencia “aos millóns de euros de fondos europeos que ten recibido Galiza nos últimos anos para realizar as infraestruturas de depuración” sen que se vexan resultados e, a día de hoxe, Galiza incumpre a normativa comunitaria en materia de saneamento.

Outro aspecto tratado na reunión co sector marisqueiro e mexilloeiro foi a etiquetaxe dos produtos. Vence anunciou que o Bloque seguirá a defender con iniciativas no Parlamento galego, no Congreso e tamén na Eurocámara “unha etiquetaxe que informe ao consumidor da procedencia do produto, de tal xeito que quede perfectamente identificado se o mexillón ou a ameixa, por exemplo, veñen das rías galegas ou doutras latitudes, porque supón un elemento de enorme valor comercial para os nosos produtos polo seu prestixio e calidade”, explicou.

Sobral, un referente

O portavoz nacional puxo en valor o traballo realizado polo goberno municipal do BNG no Concello de Poio que encabeza Luciano Sobral, “exemplo dunha maneira de gobernar transparente, honesta, eficaz e a favor da veciñanza, en particular das persoas que están a padecer dunha maneira máis intensa as consecuencias da crise”.

Vence salientou “o traballo de toda a equipa, solvente e con experiencia”, e aseguro que para o Bloque sería “unha enorme satisfacción e orgullo” que Luciano Sobral volvese encabezar a candidatura as municipais de maio. “Estamos convencidos de que os veciños e veciñas volverían a dar un apoio maioritario a este alcalde porque son evidentes os logros da súa xestión municipal ao longo destes anos”, indicou.