Vence sinala a recentralización e o espolio de NGB como as amezas para o futuro de Galiza

A recuperación económica e o futuro de Galiza están ameazados por dous “grandes buratos negros” que baleiran o País de competencias políticas e de recursos financeiros: o burato negro do rescate da banca especulativa e o burato negro do centralismo “desaforado”. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, fixo esta diagnose durante a conferencia no Fórum Europa en Vigo.

“A vampirización centralista e a drenaxe do noso aforro son o nó gordiano que debemos desfacer para impulsar o desenvolvemento económico de Galiza e a nosa preservación como país”, alegou Vence, ambos lastres exemplarizados na Reforma Administrativa que prepara o Goberno de Rajoy, “auténtico libro gordo da recentralización”, e na venda de NGB, “cos ritmos e regras que lle interesan a Madrid”.

Por contra, citou o exemplo de Catalunya que ten consolidado dous grandes bancos propios, -Sabadell e Caixabank- “e agora un goberno de centro-dereita está creando un banco público. Por que alí si e aquí non? Porque esa dereita ten un proxecto de País e aquí Feijóo está entregada á estratexia centralizadora do PP”, explicou.

A aposta do BNG é clara: banca pública galega para garantir financiamento a custes equiparables aos europeos as Pemes, porque non será o Santander nin a Caixa quenes financien as nosas empresas nin aos nosos sectores produtivos”, alegou.

Igualmente, a proposta do Bloque inclúe unha tarifa eléctrica galega para garantir prezos da enerxía equiparábeis aos dos competidores, e unha fiscalidade como o imposto de sociedades que premien o investimento e a innovación”. A formación nacionalista defende “someter as finanzas á economía real”, porque é a única “capaz de xerar emprego, redistribuír a riqueza e manter servizos públicos de calidade”.

Vigo, motor económico

O dirixente nacionalista subliñou a condición de Vigo como motor económico, pese a que non conte co apoio suficiente do Goberno central e da Xunta, como demostra que o Porto vigués non figure entre as infraestruturas principais da Rede Transeuropea de Transportes, como tampouco a Plataforma Loxística da Plisán, a incompentencia política de PP e PSOE na xestión do tax-lease “que deixou ao sector naval vigués ao bordo do abismo”, ou o abandono dun sector conserveiro “que está no adn da cidade”.

Sector naval

Ante unha nutrida representación política, económica e social,Vence subliñou que o Bloque “non se resigna” a que Galiza se quede sen tecido produtivo, e citou ao sector naval como exemplo das consecuencias de carecer dunha estratexia industrial.

“O catecismo neoliberal di que non pode haber empresas públicas e logo empresas privadas acaban en mans de empresas públicas doutros países, como o caso do Barreras. Agardamos que o sector público mexicano se porte mellor co estaleiro e con Galiza do que o fixo o sector público español-madrileño”, ironizou, para salientar que o BNG saúda a chegada de investidores “se veñen coa intención de crear empresas na economía produtiva e de crear postos de traballo”, argumentou.

Vence concluíu a súa intervención indicando que Galiza precisa “poder político e financeiro” e que, “coa soberanía como faro”, dixo, “queremos todo o que ten un País normal”.

Coloquio

Durante o turno de preguntas, o dirixente nacionalista salientou a importacia que ten “acadar unha voz forte para Galiza en Bruxelas” nos próximos comicios europeos, porque “nós xogamos moito” nesa cita electoral na que, reiterou, o BNG confía en poder conformar unha candidatura con todas as forzas nacionalistas de esquerda do país.

Vence defendeu o dereito de Catalunya a decidir sobre o seu futuro “con valentía” e enfrontando os obstáculos que se lle presentan desde a reacción do centralismo madrileño, e insistiu no “interese estratexico” que ten para Galiza “un nacionalismo forte” como o que representa o BNG.