Vence salienta a conexión do BNG coas forzas europeas de esquerda que loitan contra a troika

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, subliña a conexión dos nacionalistas con forzas europeas de esquerda que se opoñen totalmente ás políticas de empobrecemento ditadas pola troika. De feito, o BNG participou co Bloco de Esquerda e coa Syriza no desfile popular que tivo lugar onte, en Lisboa, con motivo da celebración do 25 de abril, unha mobilización na que as forzas políticas de esquerda chamaron a frear as políticas de austeridade.

Vence pon de manifesto que o devir de Galiza depende do futuro de países como Portugal e Grecia, sumidos na miseria como consecuencia das políticas de retallamentos da Unión Europea e da troika. O empobrecemento que sofre o pobo portugués e o grego, sinala, é o retrato do que pode acontecer en Galiza de non conquistarmos a soberanía para poder tomar as nosas propias decisións. Afirma o portavoz nacional do BNG que a dereita está a desvalorizar a democracia e a baleirar de competencias as institucións para servir á ditadura dos mercados.

Xavier Vence partillou estas impresións co líder da Syriza, Alexis Tsipras, durante a manifestación en Lisboa. O representante da Syriza, que lle trasmitiu a Vence a situación de catástrofe humanitaria que se vive en Grecia como consecuencia dos recortes impostos pola troika, coincidiu co BNG en sinalar que a solución á crise pasa por derrotar a ditadura Europea e económica, que é imposta polos mercados todopoderosos.

Acompañados do secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, e da eurodeputada Ana Miranda, salientaron, ademais, que non hai ningún exemplo de éxito coas políticas de austeridade impostas polos mercados e polo sistema financeiro. Fronte ao sometemento da pobo, Xavier Vence reivindicou a soberanía para poder decidir e librarse, así, da troika. Na mesma liña, coincidiron en advertir de que todas as decisións importantes para a vida das persoas están a serlles furtadas ao propio pobo, como se a democracia for un aderezo.