Vence salienta as coincidencias entre Galiza e o Ecuador ao erixir a soberanía como eixo vertebrador

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, está a desenvolver estes días unha ampla axenda de actividades e contactos coas autoridades do Estado e das Universidades do Ecuador. No día de onte, mantivo unha reunión de traballo con dous altos cargos do Estado ecuatoriano de recente creación, Pedro Páez, superintendente de Control de Poder de Mercado, e Hugo Jácome, superintendente de Economía Popular e Solidaria, unha xuntanza na que Xavier Vence parabenizou os dous superintendentes e o Goberno ecuatoriano pola “ambición dos cambios postos en marcha para rachar de raíz co modelo neoliberal”.

O portavoz nacional do BNG enxalzou “o papel crucial” que neste proceso desempeñan as novas institucións de crédito, a banca pública e o crédito cooperativo. Ademais de lles trasladar aos superintendentes os problemas que hoxe temos en Galiza neste eido e as semellanzas entre as propostas do BNG e as que está a levar a cabo o Goberno de Rafael Correa, Xavier Vence subliñou “a identidade de ambas as formulacións ao poñer a soberanía como eixo vertebrador de toda a estratexia económica”.

Nesta xuntanza de traballo cos máximos responsábeis de Control de Poder de Mercado e de Economía Popular e Solidaria, o portavoz nacional puido coñecer o alcance das reformas institucionais postas en marcha coa nova Constitución ecuatoriana en eidos claves para a definición dun novo modelo socioeconómico, que ten como eixos o control do poder dos oligopolios e as grandes empresas en defensa dos intereses da cidadanía, consumidores e consumidoras e das pequenas e medianas empresas. Coñeceu, tamén, o alcance do terceiro alicerce da economía do país que se artella ao redor da economía popular e solidaria, que engloba a economía social e cooperativa, a economía comunitaria e a economía de produción en pequena escala, que xa hoxe constitúen un sector moi importante da economía ecuatoriana e que está chamado a incrementarse no futuro inmediato, no marco do cambio de matriz produtiva do país, advirte.

Xuntanza co reitor da Universidade ESPE

Nos primeiros días de estancia en Quito, Xavier Vence participou en diferentes reunións co reitor da Universidade ESPE, Mauricio Chávez, e cos seus vicerreitores, co fin de asinar un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para a formación de doutores. Dirixido ao profesorado desa Universidade, este convenio trata de contribuír ao reforzamento da calidade e capacidade científica da mesma, no marco do programa gobernamental de mellora do sistema universitario do país.

Posteriormente, o portavoz nacional do BNG impartiu unha conferencia maxistral no seminario internacional, organizado pola Superintendencia de Control de Poder de Mercado e a ESPE, acto no que disertou sobre as “políticas estratéxicas de innovación, as targeted policies e as smart specialisation strategies”.

Vence reúnese mañá coa presidenta da Asamblea Nacional

Para mañá, mércores, Xavier Vence reunirase coa presidenta da Asamblea Nacional da República do Ecuador, Gabriela Rivadeneira, e con outros membros do Goberno de Rafael Correa.