Vence reivindica a vixencia dos Mártires de Carral na defensa das clases populares e a soberanía

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, subliñou a vixencia da loita levada a cabo polos Mártires de Carral na defensa da soberanía fronte ao centralismmo. Nun emotivo acto conmemorativo do 167 aniversario do fusilamento dos denominados mártires da liberdade, Vence asegurou que na actualidade, os nacionalistas “somos o exército desarmado do nacionalismo que ten como norte a defensa das clases populares e a soberanía”.

Para o portavoz nacional do Bloque, cómpre recuperar as reivindicacións das persoas que xa en 1846 criticaron que Galiza fora unha colonia da Corte, nun levantamento que forma parte da historia de Galiza e que amosa a “capacidade de resistir fronte a resignación”.

Segundo destacou Xavier Vence, cómpre loitar pola soberanía como forma de rachar coa subordinación de Galiza á oligarquía financeira e ás decisións que toma o goberno estatal. Ao seu xuízo esas decisións frean a capacidade produtiva galega e impiden o seu desenvolvemento económico e social.

“Cómpre rebelarse contra estas políticas que provocan efectos devastadores na nosa sociedade, co aumento imparable do desemprego e o empobrecemento, e defender a nosa capacidade de decidir por nós mesmos, como xa fixeron os Mártires de Carral en 1846”, subliñou Vence.

No acto, celebrado no monumento aos Mártires de Carral coa presenza dun nutrido grupo de militantes e simpatizantes, tamén interviron a integrantes do Consello Nacional do BNG, Vitoria Louro; a representante de Galiza Nova da Coruña, Alba Sánchez; e o concelleiro Peter Brea Rodríguez.