Vence reivindica un cambio radical nas políticas de I+D+i e de Universidade da Xunta de Galiza

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acompañado polo deputado e portavoz de Educación, Cosme Pombo, e a profesora da Universidade da Coruña (UDC) e membro da Executiva nacional, Goretti Sanmartín, realizou esta mañá unha visita institucional ao reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, ao que lle trasladou a valoración do Bloque Nacionalista Galego sobre o proxecto de Lei do Sistema Universitario de Galiza, que se debaterá no Pleno do Parlamento galego a semana que vén.

En declaracións aos medios despois da xuntanza co reitor, Xavier Vence puxo de manifesto que o proxecto de lei é “tremendamente regresivo” e advertiu de que “non contempla os problemas económicos que padecen as universidades, dado o recorte severísimo acometido pola Xunta de Galiza no financiamento das universidades, uns recortes que ascenden a 21,7 millóns de euros”. Nesta liña, o portavoz nacional do BNG fixo alusión á redución das asignacións a profesorado, a bolsas e a financiamento estrutural e tamén aludiu ás persoas que se dedican á investigación e que se ven na obriga de emigrar.

“O país precisa unha aposta decidida pola formación, pola educación e polo investimento, todo o contrario do que está a facer o PP na Xunta de Galiza, que está a poñer as universidades contra as cordas e que as fai difíciles de xestionar”, apuntou Xavier Vence. Por iso, salientou que o BNG considera “de máxima urxencia un cambio radical nas políticas de universidade e de I+D+i co fin de garantir a calidade e a capacidade investigadora e de xeración de coñecemento, que son recursos imprescindíbeis para o futuro e para o tecido produtivo do país”.

O portavoz nacional do BNG, que acusou o PP de condenar, coas súas políticas económicas, ao empobrecemento do país, sinalou que co proxecto de Lei do Sistema Universitario “camiñaremos cara unha universidade con menos profesorado e con menos investigación, cara unha universidade sometida ao control externo e sen autonomía e cara unha universidade que exclúe as rendas máis baixas, ao aumentar radicalmente as taxas universitarias”.

Advertiu Vence de que, lamentabelmente, a universidade pública perderá o papel de inclusión social, igualdade e motor de ascenso social que viña desenvolvendo. O Goberno da Xunta, engadiu, pretende que sexan as taxas académicas as que compensen a baixada orzamentaria anunciada, para o que se prevé un incremento de 6 millóns por este concepto. Por último, amosou a oposición frontal do BNG a que se restrinxa o acceso ao ensino universitario por razóns económicas.