Vence reclama a Feijóo un “compromiso por escrito” co sector agrario e que garanta prezos rendibles

O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, demandou do presidente da Xunta “un compromiso claro coas organizacións agrarias para garantir prezos rendibles”, especialmente a respecto das industrias lácteas. Así o expresou nun acto con militantes e simpatizantes que tivo lugar en Silleda e no que tamén participaron as integrantes da Executiva Nacional Goretti Sanmartín e Mar Vila, así como o portavoz municipal, Matías R. da Torre.

Na súa intervención, Xavier Vence acusou a Núñez Feijóo de incumplir o seu compromiso de introducir este principio na lei estatal da cadea alimentaria. Segundo expresou o portavoz nacional, este incumprimento insírese na falta de estratexia do presidente da Xunta para desenvolver un “proxecto de viabilidade da industria láctea galega”.

Neste sentido, criticou a concesión de 6 millóns an axudas a unha empresa sen proxecto empresarial, vinculada ás redes do poder caciquil do PP, e en particular de Romay Beccaría. “Queremos que o goberno galego poña en marcha unha nova estratexia, co obxectivo de integrar esa planta nun grupo lácteo galego que garanta o seu futuro e dos postos de traballo”, subliñou.

Financiamento

Por outro lado, o portavoz nacional do Bloque defendeu a posta en marcha de medidas financeiras específicas para aliviar o problema das explotacións agrarias que acometeron plans de modernización nos anos previos á crise. Nesta liña advertiu dos problemas das empesas endebedadas para adquiriren a cota láctea, polo defendeu que Xunta e goberno central negocien con Bruxelas “medidas específicas para atender esta situación no marco da PAC”.

Xavier Vence destacou que o BNG aposta por “un novo enfoque da política agraria”, tal e como xa amosou o grupo nacionalista nesta localidade, polo que animou aos militantes e simpatizantes presentes no acto a afondar nesta liña.