Vence: "Quen diga que o BNG pon obstáculos á candidatura galega de unidade minte ou está en Marte"

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG

O BNG da por feito que o 20 de decembro vai haber unha candidatura galega de unidade nos colexios electorais o máis ampla posible que sumará a todos e todas, -forzas políticas e cidadanía sen adscrición partidaria-, que aposten polo obxectivo de conseguir grupo parlamentario propio para Galiza, para darnos “unha voz potente e soberana” que defenda os intereses deste país en Madrid nunha lexislatura crucial e sen maiorías.

A formación nacionalista non da nada por pechado e confirma que participará na reunión convocada polas plataformas Iniciativa pola Unión e Encontro Cidadán, -esta vez sen exclusión algunha-, convencido de que a candidatura galega de unidade “non é unha cuestión de cúpulas, de reunirse por arriba os partidos políticos, senón que ten que saír do traballo por abaixo nas plataformas coa participación da cidadanía sen exclusión algunha”, argumentou o portavoz nacional, Xavier Vence, a preguntas dos medios.

En todo caso, o Bloque segue a traballar nas comisiónS creadas no marco da Plataforma IxU tras a asemblea celebrada o 27 de setembro, -na que participou un millar de persoas,-. En concreto, a comisión para a redacción colectiva do programa electoral, para fixar o regulamento de primarias e para crear o censo, cuxo proceso de inscrición para participar na elección de candidat@s está aberto desde o 19 de outubro ata o 3 de novembro, segundo se informa na propia web de IxU.

O BNG entende que os esforzos para a conformación da candidatura galega de unidade “deben concentrarse en sumar en clave galega, non en cruzar a Meseta para mendigar concesións de forzas estatais”, argumenta Vence.

“A clave está en deixar clara a aposta política e estratéxica de cada quen. Para o Bloque é candidatura galega de unidade para ter grupo parlamentario propio que defenda Galiza por riba de todo, para frear os recortes que esnaquizan a nosa economía e benestar social e para garantir que o recoñecemento das nacións a decidir vai adiante”, concretou o portavoz nacional.

Vence puxo en valor o traballo dos últimos meses do Bloque, mesmo renunciando as súas siglas, en aras da unidade, e rexeitou as críticas que cuestionan a vontade de confluencia.

Sen vetos de siglaq

“Despois de todo o traballo que estamos facendo que alguén se atreva a dicir que o BNG están poñendo dificultades e obstáculos á candidatura unitaria ou é un mentireiro ou está en Marte”, respondeu o portavoz nacional, para quen “as palabras son libres, pero a credibilidade de cada quen pódese contrastar cos feitos”.

Neste sentido, reiterou que o BNG non pon vetos de siglas. “Pelexamos ate o último momento para que podan estar todas as forzas que crean na candidatura galega de unidade para ter grupo parlamentario propio. Todos e todas as que queiran iso en defensa deste país, teñen as portas abertas”, pero o Bloque “non vai supeditar os intereses de Galiza e da cidadanía deste país aos intereses dunha forza estatal”, concluíu.