Vence presume de modelo de goberno en Carballo e pon a Evencio como exemplo de alcalde nacionalista “honesto, traballador, coa xente”

Confía en que o 24M outros concellos da comarca se sumen á alternativa BNG-Asembleas Abertas como xa fixo tamén Zas e Vimianzo

“O que precisa Galiza é romper con todo o que significa o PP o 24M”, replica a Feijóo

O portavoz nacional, Xavier Vence, subliñou en Carballo o “orgullo que sinte” ao constatar a transformación deste concello grazas ao traballo da equipa de goberno que lidera Evencio Ferreiro, a quen puxo como “exemplo de alcalde nacionalista, honesto, traballador, que está ao lado da xente”.

“Evencio demostrou en Carballo que os concellos poden dar servizos de calidade, demostrou que se pode colaborar man a man coas empresas para xerar oportunidades de traballo no concello, cuns obradoiros de formación adaptados á economía local, demostrou que se pode converter un concello cuxo único mérito era se cabeceira de comarca, nun referente cultural en Galiza”, argumentou Vence.

O BNG foi capaz en apenas unha década “incluso de mudar a cara urbanística de Carballo e, os que coñecedes ben este concello, sabedes que non era tarefa fácil. Desde logo, Evencio é moito máis que un alcalde entregado, é un mago”, proclamou. “Non teño ningunha dúbida de que a candidatura de BNG-Asembleas Abertas volverá obter un gran apoio dos veciños e veciñas de Carballo, porque ninguén quere renunciar a avanzar e a ter un concello mellor”.

Vence animou aos veciños e veciñas dos concellos da Comarca a “sumarse” ao modelo de goberno que representa o BNG, que xa está en marcha en Zas, Vimianzo e Carballo, “porque son concellos honrados, libres de corrupción, baluartes contra os recortes do PP e que, aínda nas peores circunstancias se poñen do lado da veciñanza”.

O 24 de maio, explicou o dirixente nacionalista, “é o primeiro paso para romper con todo o que significa o PP de Feijóo, para pasar a páxina negra dos recortes, do acoso e derribo aos servizos públicos, pasar a páxina da privatización de servizos básicos que, ademais, son o principal foco da corrupción do Partido Popular”. “Temos a oportunidade de empezar a derrota do PP o próximo domingo, e estou seguro de que unha maioría de galegos e galegas optarán pola alternativa do BNG”, concluíu.