Vence: "A política de austeridade de Feijóo fai que Galiza perda 2.000M€ en fondos europeos"

O portavoz nacional, Xavier Vence, aproveita a visita a Galiza do comisario europeo de Política Rexional, Johannes Hanh, para valorar a aplicación dos fondos europeos que, “cos datos na man”, amosan o seu fracaso en materia de cohesión territorial e no seu nivel de execución en Galiza.

“As rexións da periferia experimentaron un retroceso con respecto á media comunitaria en termos de emprego e riqueza cunha diminución do nivel de vida”, denunciou, polo que o BNG reclama unha “reorientación dos fondos europeos nunha dirección máis proactiva na creación de empresas e de emprego”.

Neste sentido, o Bloque propugna unha política rexional que permita “implantar incentivos tanto na industria como nos sectores primarios, e poder usar os fondos europeos para impulsar o crecemento económico, a creación de tecido produtivo e de emprego”, recalcou Vence.

Ademais desta falta de converxencia entre territorios, Vence fixo fincapé no “escándalo” que supón a baixa execución dos recursos procedentes de Europa, que se limitou ao 60% dos 5.300 millóns cos que contaba Galiza para o período 2007-2013, o que se traduce, a día de hoxe, nunha perda de 2.000 millóns de euros.

“É a consecuencia da aposta de Feijóo por unha política irresponsable de austeridade que tivo como consecuencia que, por cada euro que deixou de aportar a aplicación dos fondos estruturais perdamos tres. A austeridade foi un pésimo negocio para Galiza e fixo que perdésemos 2.000 millóns de euros que non chegaron a aplicarse por esta política de austeridade, ademais do desleixo e da falta de iniciativa”, lamentou o dirixente nacionalista.

Esa cifra é a que lle corresponde ao noso país en fondos europeos para o período 2014-2020, “casualidade moi gráfica e triste” que tamén evidencia o mal parada que sae Galiza no reparto de recursos comunitarios, como xa advertira a eurodeputada Ana Miranda durante a negociación en Bruxelas.

A modo de exemplo, Vence citou o fondo tecnolóxico concedido pola UE para fomentar a innovación, con 400 millóns de euros para Galiza. “A estas alturas lévase unha execución inferior ao 30% por falta de iniciativas, o que está en coherencia coa política de Feijóo de recorte nos recursos adicados a I+D+i nos centros tecnolóxicos e nas empresas”, que pasou do 1,05% en 2008 ao 0,88% do PIB galego en 2012.

Falta de criterios no RIS3

O portavoz nacional tamén foi crítico coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galiza que presenta a Xunta con motivo da visita do comisario europeo de Política Rexional, cando na maior parte dos territorios da UE foron aprobados entre 2012 e 2013.

“Galiza chega tarde porque presenta un plan que debería estar en pleno período de execución, exemplo revelador da eficacia do goberno de Feijóo”, advertiu Vence, para quen, con todo, o máis grave e que a Xunta se someta ao plan estatal.

“A estratexia pola especialización da Xunta non fixa prioridades, non define cales deben ser os eixos da economía produtiva do país, e quédase nunha mera diseminación de recursos, un catálogo de actividades financiables que non terá efectos dinamizadores, como resultado de amoldarse ao esquema de especialización do Estado en lugar de deseñar unha estratexia propia”, argumenta.

Vence criticou que os grupos políticos como o BNG non teñan a oportunidade de intercambiar criterios e propostas co comisario europeo de Política Rexional, nun momento de inicio da implantación do novo período de fondos europeos, e lamentou que tivese habido investimentos de “moi baixo interese social e de nula repercusión a efectos de dinamización económica”, con cargo a fondos da UE.