Vence pide a retirada das sancións aos emigrantes retornados e que cese o acoso fiscal do PP
A política fiscal do PP está deixando que as grandes fortunas non paguen impostos, que as sociedades de investimento de capital variable (Sicav) non paguen impostos, establece unha amnistía fiscal para os grandes patrimonios, pero busca os recursos para rescatar á banca nas rendas modestas, nas rendas baixas e nos sectores sociais máis desfavorecidos, argumentou Vence.
O portavoz nacional, quen participou na concentración convocada pola Coordinadora galega de emigrantes retornados ante as oficinas de Facenda en Santiago de Compostela, pediu a retirada de todos os expedientes de sanción que, segundo o propio colectivo afecta a 250.000 persoas con ingresos inferiores a 11.200 euros anuais.
Hai que facer tábula rasa, non se pode perseguir a familias con rendas modestas que, ademais, viviron unha vida de sacrificio na emigración, non pode ser aí onde se busque a recuperación das contas públicas. Cancelar todos os expedientes abertos, anular as sancións e, desde este momento, que coticen dacordo coa lexislación vixente, demandou Vence.
A concentración de Compostela, -unha das 14 convocadas pola coordinadora noutras cidades do país-, tamén contou co apoio do portavoz parlamentar e municipal, Francisco Jorquera e Ruben Cela respectivamente, e co secretario de organización, Bieito Lobeira.
Semella un paradoxo de novela negra este modelo fiscal do PP, que trata de buscar nos petos das familias humildes os recursos para rescatar as finanzas e a banca. O BNG está do lado dos emigrantes retornados, concluíu Vence.