Vence: "É inútil para Galiza unha república que consagre a indisoluble unidade de España"

O BNG presenta unha emenda á totalidade ao Proxecto de Lei de Abdicación do Rei que será debatido este mércores nas Cortes do Estado cun texto alternativo en base a dúas propostas concretas: aceptación da abdicación do monarca e a convocatoria dun referendo consultivo para someter á cidadanía a apertura dun novo proceso constituínte que, en opinión do Bloque, debe recoller non só un cambio na forma do Estado senón o dereito das nacións a decidir.

O portavoz nacional, Xavier Vence, foi claro ao explicar que “a Galiza de nada lle serve que se mude o artigo primeiro da Constitución, de tal xeito que da monarquía se pase a república se, en cambio, permaneza inmutable o artigo segundo no que se consagra a indivisible unidade de España”.

Por iso, explicou, a proposta que defenderá o BNG a través das deputadas Rosana Pérez e Olaia Fernández no Congreso pasa por “aceptar a abdicación do Rei e pola apertura dun proceso constituínte para elixir a forma do Estado claro está, pero tamén que recoñeza á soberanía e o dereito a decidir das nacións”.

Neste sentido, Vence instou “a todos os deputados e deputadas que xogan nas tertulias a declararse republicanos e a favor do dereito a decidir das nacións, -en referencia a responsables políticos do PSOE e de IU-, a que actúen en consecuencia en foro parlamentario”.

“Non se pode burlar á cidadanía facendo discursos para a galería en ámbitos onde non ten consecuencias legais o que se di, e despois no Congreso e no Senado actuar de xeito contrario. Iso é o que da a sensación á cidadanía da falsidade política e contribúe ao descrédito da política e dos políticos”, argumentou.

Vence insistiu en que a “operación Felipe” non pode agochar a crise dun réxime herdado do franquismo, cuxos dous piares, -monarquía e bipartidismo-, están comidos “pola corrupción sistémica” que os “podrece”. Pero non se trata só dunha crise institucional, senón tamén do modelo territorial saído dese réxime, como se pon de manifesto no caso de Euskadi e Catalunya, de aí o empeño do BNG en ir a un novo proceso constituínte que abra paso as nacións sen Estado ao ritmo que marque a cidadanía de cada un destes territorios.

Tapar reformas de fondo

O dirixente nacionalista tamén fixo fincapé en que o BNG non quere que o debate derivado da crise do réxime “sexa aproveitado para tapar outros problemas de fondo”, ou para seguir coas reformas estruturais” que desmantelan o Estado do benestar e os dereitos da maioría social.

“A cidadanía ten que poder falar tamén sobre as grandes reformas estruturais que están provocando unha desigualdade social sen precedentes. Non pode ser que as grandes reformas que arrancan do pacto do euro, -aplicadas antes polo PSOE e agora o PP-, que arrasa co estado do benestar e cos dereitos da clase traballadora podan pasar sen que a cidadanía se pronuncie”, denuncia.

“En Galiza precisamos un cambio de modelo que nos permita ter ferramentas para resolver os problemas da cidadanía, as que aporta ter un Estado propio se así o queren os galegos e galegas”, concluíu.