Vence insta ao Goberno central á "INSUBMISIÓN" contra a devolución do Tax lease

Xavier Vence e Ana Pontón valoran o anuncio de Joaquin Almunia sobre a devolución do Tax lease

O portavoz do BNG, Xavier Vence insta ao Goberno central e á Xunta a rebelarse contra a política industrial que destrúe os sectores produtivos galegos e reclama “unha Banca Pública Galega” para recuperar o sector naval

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence insta ao Goberno central a mostrarse “insubmiso” contra a decisión de Bruxelas sobre a devolución das axudas concedidas ao sector naval, (Tax lease).

Xavier Vence compareceu hoxe ante os medios de comunicación, en sede parlamentar, acompañado da viceportavoz do Grupo parlamentario, Ana Pontón ao fin de valorar a decisión da Comisión europea que obriga ao Estado español a recuperar as axudas aos estaleiros, a través de bonificacións fiscais, coñecidas como Tax lease.

Para o portavoz nacional do BNG, a sentencia do Colexio de comisarios anunciada hoxe por Joaquín Almunia é “unha decisión política contra a construción naval galega” que claramente vai en contra dos intereses do noso sector naval. Esta  decisión, engadiu,  hai que sumala,  ás realizadas no pasado  que xa  “cercenaron o sector naval galego” condenándoo a unha “prolongada crise”.

Goberno central e Xunta deben rebelarse contra as políticas de destrución dos sectores produtivos galegos

Ante as políticas industriais da Comisión europea, Goberno central e Xunta de Galiza que destrúen o tecido industrial galego, o portavoz do BNG, ademais de lamentar o anuncio da devolución do tax lease reclamou que o Goberno central actúe de “maneira insubmisa” porque está na súa man facer “unha política intelixente e de insubmisión contra a decisión da Comisión europea”.

Nesta liña, apostou por outro tipo de políticas industrias e financeiras destinadas a garantir a viabilidade do sector naval galego.

O futuro do naval galego pasa polo futuro dunha banca pública galega

O portavoz nacionalista manifestou que só facilitando o investimento e o crédito será posible salvar os sector naval galego, o futuro , afirmou, depende do sector financeiro cunha “Banca pública galega, capaz de ofrecer crédito ao sector naval”, en condicións competitivas e coas axudas precisas do Goberno central e Xunta de Galiza.

Na súa opinión, o problema principal radica nos sectores holandés e alemán que copan as carteiras de pedidos do sector naval europeo grazas a créditos baratos, “en Alemaña e Holanda afirmou, o tipo de xuro sitúase no 4 por cento mentres que nós carecemos de entidades financeiras que concedan créditos aos estaleiros” e de acadar un préstamo está suxeito a un interese do 10 ou 12 por cento, “con ese diferencial, sentenciou, está claro que non podemos ser competitivos”.

Galiza precisa un sistema financeiro propio

O portavoz do BNG asegurou que é “responsabilidade” do Goberno central e da Xunta poñer en marcha un sistema financeiro que permita financiar con condicións competitivas para que o sector naval galego “teña futuro”.

Xavier Vence concluíu reclamando “unha Banca pública e industrial” como “ condicións inescusables para garantir o sector naval e a economía galega”.